Rede Europea de Formación Xudicial (REFX)

EJNTA Rede Europea de Formación Xudicial (REFX) xorde da necesidade de construír un espazo europeo de formación correlativo á progresiva implantación do espazo xudicial europeo. A diversidade e importancia da dimensión europea na formación dos xuíces foi obrigando os responsables desta tarefa nos distintos Estados membros a unha progresiva coordinación dos seus programas e actuacións, pois demostrouse a insuficiencia dos contactos puntuais e a urxencia de constituír un marco estable de relacións que favoreza a creación dunha cultura xudicial común indispensable para o correcto funcionamento dos mecanismos de cooperación xurisdicional..

A REFX integra as escolas xudiciais e organismos responsables da formación dos xuíces nos Estados membros da Unión. Ten a forma dunha asociación internacional sen ánimo de lucro sometida ao dereito belga e o seu funcionamento estará subvencionado, a partir do 2004, pola Comisión Europea.

Réxese por unha carta fundacional adoptada en Bordeus, o 13 de outubro de 2000, revisada en Copenhaguen o 6 de decembro de 2002 e en Liubliana os días 23 e 24 de xuño de 2008.

Os obxectivos da REFX enmárcanse entre os do tratado de Ámsterdam, o Programa da Haia, a Comunicación da Comisión Europea en materia deformación xudicial do 29 de xuño do 2006, a Resolución do Parlamento Europeo do 9 de xullo de 2008 sobre o papel do xuíz nacional no sistema xudicial europeo e a Resolución do Consello da Unión Europea do 24 de outubro de 2008 sobre formación de profesionais de xustiza que fixaron como obxectivos da Unión Europea os da creación dunha verdadeira área de liberdade, seguranza e xustiza, a promoción do coñecemento dos sistemas xudiciais europeos e o reforzo da comprensión e cooperación entre os xuíces e fiscais dos Estados membros da UE.

Actualmente a rede é a encargada da xestión do Programa de intercambio de autoridades xudiciais, o catálogo de actividades de formación que organizan os seus membros e abren á participación de xuíces e fiscais doutros países, así como do desenvolvemento de deseños curriculares comúns en materia de Dereito Europeo e actuacións conxuntas de formación e intercambio de experiencias docentes.