Un exalto directivo de NCG Banco é condenado a reintegrar á entidade 5,5 millóns de euros que percibiu pola súa prexubilación
A xuíza declara a nulidade do contrato asinado en decembro de 2010 polo demandado e obrígao a restituír a prexubilación “blindaxe” percibida
- Autor
- Comunicación Poder Judicial
O Xulgado do Social número 3 da Coruña estima a demanda interposta por parte de NCG BANCO (na actualidade ABANCA), coa intervención do FROB, contra o alto directivo Francisco Javier G.D.P.M. e a súa esposa. A xuíza declara a nulidade do contrato asinado en decembro de 2010 polo demandado e obrígao a restituír a prexubilación “blindaxe” percibida, condenándoo a reintegrar a NCG BANCO a cantidade de 5.580.000 euros.
Na sentenza afírmase que se substituíron “dúas follas do contrato do 30 de decembro de 2010 e non se informou dese cambio á Comisión de Retribucións e Nomeamentos nin ao Consello de Administración”. Para a xuíza “a falsidade da causa do contrato, o dolo e o erro no que incorren a Comisión de Retribucións e Nomeamentos e o Consello de Administración, que confían en que o contrato de Francisco Javier G.D.P. está asinado desde o 30 de decembro de 2010, son absolutamente palmarias”.
Conclúe a resolución que “o contrato de Alta Dirección nace xa viciado, por canto que o Consello de Administración da entidade prestou o seu consentimento á subscrición do mesmo sen ter un pleno e cabal coñecemento do seu contido, e aínda das súas consecuencias, tendo en conta que os xestores, incumprindo as obrigacións normativas impostas, non lles proporcionaron unha información clara, comprensiva e completa sobre a súa natureza e sobre as súas características”.