O recurso contra a sentenza do pazo de Meirás continúa na Audiencia coa comparecencia dun herdeiro máis da familia Franco

O tribunal indica na providencia que o herdeiro que se dá por constituído como parte na causa asumiu “como propio todo canto se actuou e resolveu ata a data neste procedemento"

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección terceira da Audiencia Provincial da Coruña emitiu hoxe unha providencia na cal informa de que o recurso contra a sentenza que considera que o pazo de Meirás é propiedade do Estado se continúa tramitando coa comparecencia dun herdeiro máis da familia Franco “por ter ou poder ter interese directo e lexítimo no resultado deste litixio”.

O tribunal indica na providencia que o herdeiro que se dá por constituído como parte na causa asumiu “como propio todo canto se actuou e resolveu ata a data neste procedemento, así como o que se poida resolver nun futuro para resultas de actuacións procesuais xa implementadas”. De acordo con esa decisión do herdeiro, os maxistrados indican que “non procede acordar sobre a nulidade das actuacións levadas a cabo ante o xulgado de primeira instancia”.

Na providencia, contra a que se pode interpoñer recurso de reposición, a audiencia sinala que se considera “necesaria” a presenza como demandado do herdeiro da familia Franco “en canto, aparentemente, segue sendo o titular rexistral” de catorce leiras do pazo de Meirás, pois “non consta o seu traspaso a Pristina, S.L.”., sociedade que si estivo personada no procedimento.