O TSXG decreta a suspensión cautelar de seis parques eólicos polo risco de que a súa construción cause danos irreversibles

Autor
Comunicación Poder Judicial

.- O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou a suspensión cautelar de seis parques eólicos autorizados pola Xunta ao entender acreditada a existencia do periculum in mora, que forma parte da esencia da medida cautelar, pois intenta asegurar que a futura sentenza se poida levar á práctica de modo útil, o que non se conseguiría no caso de que se produciran situacións irreversibles. En concreto, decretou a paralización cautelar dos parques Alvite II -situado en Mazaricos, Negreira e Santa Comba (A Coruña)-; Valdepereira -situado en Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense); Coto Loureiro -situado na Laracha e Cerceda (A Coruña), Estivada -situado en Agolada (Pontevedra) e Antas de Ulla (Lugo)-; Piago -situado en Cervo, Xove, Viveiro e Valadouro (Lugo)- e Feás -situado en Aranga e Coirós (A Coruña).

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do alto tribunal galego advirte que “a prevalencia da protección ambiental non significa que se a actuación incide no medio ambiente teña que ser suspendida de forma automática”. Deste xeito, lembra que para acoller as medidas cautelares fundadas no periculum in mora é necesario ter en conta “que non basta con facer unha referencia xenérica a danos posibles, senón que se teñen que singularizar e acreditar, isto é, pasar da abstracción á concreción”. Nos seis casos analizados, a Sala conclúe que se acreditaron os prexuízos que as instalacións poderían ocasionar a valores ambientais sensibles, así como a presenza nesas zonas de especies vulnerables ou en perigo de extinción.

No auto relativo a Coto Loureiro, recalca que queda, de forma indiciaria, acreditada “a presenza de lobo na contorna e a ausencia de realización de accións previas que salvagarden as zonas de encame ou de encontro”. E, no que a Sala analiza a solicitude sobre o de Piago, sinala que se considera probada, de forma indiciaria, “a afección visual e paisaxística, tanto á Rede Natura como ás áreas de especial protección da paisaxe”.

Na resolución na que o TSXG estuda a medida solicitada pola veciñanza afectada respecto ao parque eólico Alvite II, salienta que resulta acreditado que a propia Declaración de Impacto Ambiental (DIA) “contempla como hipótese que a captación de augas, da que se fornecen algunhas das casas relacionadas no informe pericial da demandante, si poden ser afectadas polas obras, sen que a Sala aprecie de que forma se prevé na DIA paliar ou neutralizar os efectos durante as obras, o cal resulta especialmente grave, tendo en conta que se trata da auga potable dos afectados”.

No caso de Valdepereira, a Sala indica que a distancia á que se proxectan construír as instalacións eólicas -polo menos un dos aeroxeradores sitúase a 610 metros da aldea da Ermida- é “susceptible de ocasionar unha perturbación significativa sobre a saúde das persoas e o benestar dos animais, que constitúe un dano de difícil reparación, ao incidir, en relación aos humanos, sobre os dereitos fundamentais á integridade física e á vida privada e familiar dentro do domicilio”.

Ademais, os maxistrados advirten que, en sede cautelar, a ponderación favorable de intereses económicos como prevalente é “extremadamente excepcional, só admisible cando compromete de forma esencial a economía da nación ou produce un dano particularmente intenso”.

Balance

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia notificou ata hoxe 96 autos -77 acolledores e 19 desacolledores- nos que decide sobre as solicitudes de suspensións cautelares de 52 parques eólicos, dos cales 49 foron acolledores -Ventumelo, Porto Vidros, Banzas, Monte Neme, Zamorra, Touriñán II, Felga, Rodeira, O Cerqueiral, Chao do Marco, Monte Peón, As Encrobas, Pico Seco, Serra do Faro Ampliación II, As Penizas, Figueiras, Reboiro, Alto da Telleira, Troitomil, Outeiro Grande, Rodicio II, Alto de Montouto, Meirama, Monte da Croa, Gato, Cunca, Serra do Farelo, Maxal, Serra do Colmo, Uxo, Castro Valente, Marcofan, Serra do Punago, Acibal, Monte do Cordal, Dos Cotos, Treboada, Mesada, Legre, Xeada, Serra do Furco, Campo das Rosas, Xesteirón, Alvite II, Valdepereira, Coto Loureiro, Estivada, Piago e Feás; e, o resto (3), desacolledores -Vilartoxo, Neboada e Seselle-.

O número total de autos non coincide co de parques eólicos sobre os que se pronunciou o TSXG porque sobre algúns proxectos hai diferentes resolucións xudiciais debido a que distintas entidades e/o administracións solicitaron suspensións cautelares sobre un mesmo parque, achegando diferentes informes periciais e/o argumentos. En ocasións, hai proxectos sobre os cales o TSXG emitiu autos nos que decretou a suspensión e, noutros, a non adopción da medida cautelar, co cal prevalece a suspensión. Polo xeral, as desestimacións, nestes casos, débense a carencia sobrevinda de obxecto -é dicir, porque se suspenderan de forma cautelar- ou porque a Sala considera insuficientes os motivos e/o informes presentados.