Os tres acusados da morte dun mozo na Noiteboa de 2023 na Coruña serán xulgados por asasinato

Os feitos serán axuizados por un Tribunal do Xurado na Audiencia Provincial da Coruña

Autor
Comunicación Poder Judicial

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña decreta a apertura de xuízo oral para o axuizamento de tres persoas pola morte dun mozo de 22 anos que foi apuñalado na Noiteboa de 2023 no centro da Coruña. Todos eles serán axuizados por un delito de asasinato, aínda que un dos acusados o será como autor material do delito; outro, como cooperador necesario; e, o terceiro sospeitoso, como encubridor de asasinato. 

Os feitos serán axuizados por un Tribunal do Xurado na Audiencia Provincial da Coruña. A maxistrada indica no auto, contra o que non cabe interpoñer recurso, que os feitos revisten, “por agora, e salvo ulterior cualificación, os caracteres dun delito de asasinato coa concorrencia da agravante de aleivosía”. Ademais, sinala na resolución que procede a apertura de xuízo oral por asasinato polo desvalemento da vítima e o carácter sorpresivo da agresión.