As XVIII Xornadas Xurídicas de Sarria analizarán a reforma da Xustiza ante a sociedade do século XXI

Unha trintena de xuíces/zas de diferentes comunidades asistirá ao curso, que forma parte do programa de formación do CXPX. O encontro celebrarase entre o 4 e o 6 de xuño na Casa da Cultura da localidade

Autor
Comunicación Poder Judicial

As XVIII Xornadas Xurídicas de Sarria ‘Román García Varela’, que se celebrarán na Casa da Cultura da localidade os días 4, 5 e 6 de xuño, abordarán a reforma da Xustiza ante a sociedade do século XXI. O encontro, ao que asistirá unha trintena de xuíces e xuízas de diferentes comunidades, está organizado polo Concello de Sarria e forma parte do programa de Formación Continua do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). O expresidente do Tribunal Supremo Francisco Marín Castán impartirá a conferencia inaugural, mentres que Cándido Conde Pumpido, presidente do Tribunal Constitucional, clausurará as xornadas. 

Ao longo dos tres días, os/as especialistas analizarán en mesas redondas asuntos como a división de poderes e o Estado de dereito, a lexitimidade democrática do Poder Xudicial, a independencia, os retos da reforma xudicial, as novas competencias dos xulgados de violencia sobre a muller, o impacto dos Medios Adecuados de Solución de Controversias (MASC) ou os riscos asociados ás novas tecnoloxías. 

Dirixidas polo letrado da Administración de Xustiza Román García-Varela Iglesias e polo catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema Devesa, contarán coa presenza de prestixiosos relatores, entre eles un expresidente do CXPX, maxistrados/as do Tribunal Supremo, expresidentes/a do Tribunal Constitucional, o presidente da Sala Anticorrupción da Corte Superior de Xustiza de Lima, a coordinadora do proxecto de implantación dos Tribunais de Instancia, a exdirectora da Axencia de Protección de Datos e o presidente do Consello Consultivo. Ademais dos asistentes presenciais, as sesións poderanse seguir en directo de forma telemática a través do centro de Lugo da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED). 

As Xornadas Xurídicas de Sarria ‘Román García Varela’ tiveron a súa orixe en 2007 e, tras o falecemento do seu fundador, en 2013, continúan celebrándose anualmente en memoria do maxistrado. Esta XVIII edición comezará o vindeiro mércores, 4 de xuño, ás 16 horas.