O TSXG obriga a unha entidade bancaria a readmitir a unha traballadora nun posto adaptado ás súas circunstancias de saúde
A Sala do Social imponlle á empresa o pago dos salarios deixados de percibir desde o seu cesamento e dunha indemnización de 30.000 euros por apreciación de discriminación por razón de discapacidade
- Autor
- Comunicación Poder Judicial
A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratifica a sentenza dun xulgado de Vigo na que declarou nulo o despedimento dunha traballadora por parte dunha entidade bancaria, á que condenou a readmitila de forma inmediata nun posto adaptado ás súas circunstancias de saúde tras os axustes razoables pertinentes, con abono dunha indemnización de 30.000 euros por apreciación de discriminación por razón de discapacidade. O TSXG, ademais, acolle o recurso interposto pola afectada e tamén condena á empresa a pagarlle os salarios deixados de percibir desde o seu cesamento ata a súa readmisión.
A Sala explica na sentenza que a demandante “é unha persoa con discapacidade polas doenzas que padece”, entre elas un trastorno depresivo, e que, ademais, “foron determinantes para a declaración de incapacidade permanente no grao de total para a súa profesión habitual dentro da sucursal bancaria”. Con todo, salienta que “os feitos declarados probados poñen de manifesto non só a posibilidade de adaptar o posto de traballo, senón, máis aínda, a constatación de ser adaptado durante un período de tempo significativo, antes do cesamento, de maneira satisfactoria, tanto desde a perspectiva da saúde da traballadora como desde a perspectiva do rendemento para a empresa demandada”.
De feito, os maxistrados sinalan que, despois de finalizar a incapacidade temporal en 2020, se incorporou en 2023 á empresa con outras funcións, neste caso administrativas, ata que en 2024 a entidade comunicoulle o seu cesamento. “A existencia de discriminación deriva de textos normativos supranacionais que estaban vixentes no momento da decisión empresarial de extinción contractual e, mesmo, derivaríase da aplicación do artigo 14 da Constitución Española”, destaca o TSXG no fallo, contra o que cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.