O TSXG absolve ao condenado a dez anos de cárcere como cómplice do asasinato de Samuel Luiz por carecer de probas de que participase na agresión
Os maxistrados consideran vulnerada a presunción de inocencia de A.M.R., polo que acollen o seu recurso. A Sala confirma as penas de entre 20 e 24 anos de prisión impostas aos tres autores do crime
- Autor
- Comunicación Poder Judicial
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) absolve a un dos catro condenados en primeira instancia polo asasinato de Samuel Luiz, cometido na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo da Coruña. A Sala do Civil e Penal acolleu o recurso interposto por A.M.R., polo que revogou a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que o condenou a dez anos de cárcere como cómplice do crime.
Os maxistrados rexeitaron os recursos presentados polos outros tres condenados como autores do asasinato. Polo tanto, confirmaron a pena de 24 anos de cárcere imposta a Diego M.M., pois no seu caso concorre a agravante de discriminación por motivos de orientación sexual; de 20 anos e medio de cárcere a K.A.S.C., tamén autor dun delito de roubo con violencia por subtraerlle o móbil á vítima; e de 20 anos de prisión a A.F.G.
Os membros do alto tribunal galego aseguran que a condena como cómplice de A.M.R. carece de base probatoria, pois “non consta acreditado que participase na agresión”. A Sala explica na sentenza que comparte a tese do recorrente, pois “ningunha testemuña presencial sinala que o vise golpear, encararse coa vítima, impedir que se lle axudase, nin dificultar a súa fuxida”. O TSXG sinala que, ante a ausencia de proba directa, o xurado se apoiou en probas indiciarias, pero recalca que “en ningún momento se ve (nas gravacións) ningunha actuación das apuntadas no veredicto e feitos probados”.
“Os xurados infiren que non tentaba separar porque ningunha testemuña o di, pois sinalan que ninguén separaba, pero a presunción de inocencia non pode destruírse a través desta manifestación, pois iso comportaría inverter a carga da proba”, resaltan os maxistrados na resolución, na que especifican que “outros mozos tamén chegan ao lugar e non separan, e iso non se traduciu na súa imputación ou condena”. Ademais, destacan que hai unha testemuña que sinala que o recorrente “se desvincula” do grupo agresor e “cruza a calzada”, un “testemuño favorable que non se ten en conta polos xurados”. Todo iso leva á Sala a apreciar vulnerada a constitucional presunción de inocencia, “ao carecer a condena de base razoable” e, polo tanto, a acoller o recurso.
Feitos probados
O TSXG considera probado, no substancial, o relato de feitos da sentenza apelada. Así, entende acreditado que, cando a vítima, de 24 anos, se atopaba na parte superior da bancada que dá acceso o paseo marítimo, nas inmediacións dun pub, foi obxecto “dunha agresión grupal, como consecuencia da cal faleceu”.
No fallo, indica que D.M.M., quen saíra uns minutos antes do local ca súa entón parella sentimental, foi quen iniciou a agresión, pois, o ver á vítima cun teléfono móbil, creu que os estaba gravando. “Polas palabras, xestos, forma de vestir, ton de voz e aparencia física da vítima, interpretou que era homosexual”, destaca o TSXG na resolución, na que salienta que este feito “desencadeou a reacción totalmente agresiva de D.M.M. contra el, pola súa animadversión cara á condición sexual homosexual que lle atribuíu”. A iso, engade que, “por sorpresa e de forma repentina, se abalanzou sobre a vítima, golpeándolle con puñadas e patadas, principalmente nas zonas de cabeza e cara”.
Nese momento, segundo consta no fallo, A.F.G., amigo de D.M.M., sumouse á agresión “de forma inmediata, atacando á vítima por detrás, rodeando con forza o seu pescozo co seu brazo”. A Sala afirma que, en cuestión de segundos, “se adheríron de forma progresiva ao ataque un numeroso grupo de amigos e coñecidos dos acusados que se atopaban nas inmediacións, entre eles dous menores de idade xa xulgados e condenados”.
Os maxistrados afirman que K.A.S.C. “saíu correndo e se integrou no grupo agresor, propinando á vítima polo menos unha patada” e, ademais, mentres a rodeaban integrantes do grupo, actuando en unidade de acción, K.A.S.C. “impedía a súa fuxida e dificultaba calquera tipo de axuda ou defensa eficaz que puidesen prestarlle terceiras persoas”.
O alto tribunal galego entende, ao contrario que a Audiencia Provincial, que A.M.R., “ao ver que amigos e coñecidos seus estaban a agredir á vítima, se situou no punto inicial da agresión, sen agredila”. O mozo, segundo consta na sentenza, “atopábase totalmente indefenso e desvalido debido ao elevado número de persoas que o agredían e rodeaban, entre as que se atopaban D.M.M., A.F.G. e K.A.S.C., e debido á continuidade dos golpes recibidos, sen ser capaz de facer ningún acto hostil contra eles, nin contra o resto do grupo agresor”. Os xuíces relatan que, “nun momento dado, e a duras penas, logrou incorporarse e tentou abandonar o lugar, pois dous cidadáns senegaleses trataron de axudarlle e de afastalo dos seus agresores, sendo perseguidos uns 150 metros polo grupo agresor”.
O TSXG entende probado que D.M.M., A.F.G. e K.A.S.C., como membros do grupo agresor, interviñeron “activamente na persecución, propinando golpes e impedindo a defensa e fuxida da vítima”. A.M.R., segundo sinalan na sentenza, “resultou empuxado por un dos cidadáns senegaleses, sen que conste se a súa intención era separar ou participar na agresión”. Finalmente, á altura dunha rotonda, o mozo “caeu o chan esborrallado e inconsciente, momento en que D.M.M., A.F.G., K.A.S.C., A.M.R. e os demais membros do grupo se dispersaron por diversas rúas”.
Recurso de A.F.G.
O TSXG rexeitou o recurso de A.F.G. porque, ademais da proba testifical existe “unha proba de vídeo, adverada polos policías, que corrobora a súa participación” nos feitos. “A brutalidade da malleira está ben acreditada, non só polo visionado dos vídeos da zona, senón tamén polas testificais, que sinalan que foi unha animalada, un ataque dunha gran gravidade, unha sorte de linchamento de todos contra un”, sinalan os maxistrados, á vez que aseguran que, nunha agresión grupal destas características, “non poden separarse as condutas individuais”.
En canto á vontade de matar, o TSXG resalta que “non ofrece dúbida a existencia de, polo menos, un dolo eventual, isto é, o que asume o risco de que, co tipo de agresión, se pode producir a morte”. Ademais, considera probada a existencia de aleivosía, pois o informe forense “non encontra ningún vestixio de defensa no corpo da vítima, algo acreditado tamén polo resto das probas”. Os xuíces tamén rexeitan a aplicación das atenuantes de alteración psíquica e de intoxicación, pois o xurado non entendeu acreditadas esas circunstancias de atenuación.
Recurso de K.A.S.C.
O TSXG indica que o Tribunal do Xurado descartou, de forma motivada, que fose un mero espectador pasivo. “As explicacións dos xurados aos feitos apuntados que comportan a cualificación xurídica de coautor do delito de asasinato non só non carece de base razoable, senón que se constrúe sobre un conxunto de probas que permitiron alcanzar unha convicción, máis aló das dúbidas que pretende introducir o recorrente”, indica a Sala, que rexeita, polo tanto, que se vulnerase a súa presunción de inocencia.
Recurso de D.M.M.
Do mesmo xeito que no caso de A.F.G., o TSXG entende probada a aleivosía. En canto á agravante de discriminación, indica que o dato subxectivo da motivación ten que inferirse dos elementos obxectivos acreditados. Así, relata que, unha vez aclarado que a vítima non estaba a gravar, D.M.M. “mantivo a súa agresividade ao apreciar a condición sexual do mozo e iniciou a agresión por ese motivo, algo que se explicita coa frase ‘voute matar, maricón’”. Posteriormente, cando están reunidos nun parque, reitera ‘quen lle mandou ao maricón de merda’, reflectindo así a súa animadversión ao colectivo”. A Sala tamén rexeitou, de conformidade co decretado polo xurado, a aplicación da atenuante de influencia de bebidas alcohólicas.