O TSXG suspende, de forma cautelar, a autorización para construír un parque eólico en Zas e Santa Comba (A Coruña)

Os maxistrados destacan no auto que a asociación que exerce a acción pública asevera, a través de dous informes periciais, “que o dano ambiental a múltiples especies de flora e fauna está asegurado”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) suspendeu, de forma cautelar, a executividade da resolución da Xunta de Galicia na que concedeu as autorizacións administrativas previa e de construción, e declarou de utilidade pública, o parque eólico Laboa II, situado nos municipios de Zas e Santa Comba (A Coruña). A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo acolleu, desta forma, a medida cautelar solicitada pola asociación ecoloxista Petón do Lobo. 

Os maxistrados salientan no auto que a actividade que pretende despregar a promotora (Engasa Lagoa) co parque eólico, “por lóxica e por moi pequena que sexa, -que non o é-”, ocasiona “unha afectación ecosistémica, derivada -como mínimo- da execución das obras no espazo natural, como consecuencia de remexer as terras, da implantación das infraestruturas eólicas, etc.” 

Ademais, destacan no auto que a asociación que exerce a acción pública asevera, a través de dous informes periciais, “que o dano ambiental a múltiples especies de flora e fauna está asegurado”. O tribunal subliña que “estes informes -ao contrario do que opinan as partes contrarias- acreditan, polo menos de forma indiciaria, un potencial efecto danoso de tipo ambiental”, á vez que engade que, aínda que a Administración e a codemandada, cos seus propios informes periciais, “parece que teñen escasa percepción do mal que pode supoñer o seu comportamento, ao tratar de minimizalos (os danos) ou desprestixiar aos seus autores”. 

Con todo, os xuíces afirman que “a mera posibilidade de que se ocasione o evento danoso (e a información precisa de que iso pode suceder constátase a través das periciais da asociación, que son bastante contundentes respecto ao risco)” fai que deban acceder á suspensión solicitada, “sen esperar á finalización do procedemento, momento en que o proxecto empresarial podería xa estar executado e o dano ambiental consumado, o que hai que evitar”. 

“Os intereses empresariais da promotora entendemos que non deben primar fronte ao medio ambiente, máxime se temos en conta que a paralización da súa actividade, por cuestión da adopción desta medida cautelar mentres penda este procedemento, previsiblemente non ha de ser por un termo excesivamente dilatado”, recalca o TSXG no auto, no que incide en que “a prudencia se impón, máis aínda se cabe, pois hai que se decatar de que se a sentenza fora finalmente acolledora das pretensións da parte demandante e se deixara avanzar na construción do parque, logo habería que desfacer o feito, volvendo as cousas ao seu estado anterior, o que se levaría a cabo con recursos que puideran ser públicos”. 

Ademais, a Sala engade que os intereses públicos asentados na crise enerxética e a promoción das enerxías renovables “tampouco poden prevalecer cando se trata de instalar no territorio unha industria da que hai sospeita fundada que podería non respectar o medio ambiente”. O auto non é firme, pois contra el cabe presentar recurso de reposición.