O TSXG paraliza cautelarmente o réxime de xestión do lobo aprobado pola Xunta
A Sala ten en conta, ao ponderar os danos na gandería e a protección da viabilidade das poboacións de lobo, que os prexuízos “aínda que non son reversibles, si son indemnizables”
- Autor
- Comunicación Poder Judicial
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) suspendeu, de forma cautelar, a resolución da Xunta de Galicia pola que se determinou o réxime de xestión do lobo na tempada 2024/2025, ao entender que a súa posta en práctica podería afectar á viabilidade das poboacións. A Sala, que aplica o principio de precaución ambiental, explica no auto que na adopción das medidas de xestión que se contemplan na resolución, conforme á memoria xustificativa, “atópase o control de lobos co fin de previr e paliar os danos á gandería”. Con todo, recalca que, “na ponderación obrigada nesta medida cautelar, a este só efecto, deses danos na gandería, dun lado, e, doutro, a protección da viabilidade das poboacións de lobo”, se debe ter en conta que sobre “os danos á gandería non se ofrece información nin cualitativa nin cualitativa”, así como que eses danos á gandería, “aínda que non son reversibles, si son indemnizables”.
O alto tribunal galego lembra na resolución que a medida cautelar adoptada “se acouta ao réxime de xestión do lobo na tempada 2024/2025, pois o réxime de caza doutras especies e a súa protección, aínda regulado total ou parcialmente pola Resolución do 27 de marzo de 2024 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25, cuxa modificación agora é obxecto de impugnación, é alleo ao presente litixio, con independencia da impugnación da devandita resolución do 27 de marzo de 2024 noutros recursos ante esta Sala”.
Os maxistrados advirten que o incidente cautelar “non pode anticipar o sentido da resolución final do litixio no que atende ao fondo do debate”, á vez que salientan que “o principio de precaución ambiental non atende ao fumus como aparencia de bo dereito da pretensión principal, senón que opera no proceso de ponderación entre os bens xurídicos en risco, xuízo que se desprega no plano fáctico, limitado, ademais, pola funcionalidade propia do incidente cautelar”.
No auto, o alto tribunal lembra que, conforme a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, “o principio de precaución se impón tanto na área concernida pola resolución como na avaliación extensa, que integra a áreas limítrofes, pero tendo que ser favorable o estado das poboacións en ambos os escenarios e non só nun deles”, ao que engade que, coa provisionalidade inherente a este incidente e á limitada proba practicada ata o momento, existen “indicios consistentes, coas mesmas limitacións probatorias, dunha cualificación desfavorable respecto do estado das poboacións”. Polo tanto, o TSXG accede á medida cautelar solicitada por WWF-ADENA.