O TSXG ordena á Universidade de Vigo indemnizar a un interino que cesou para acceder á praza como funcionario

O traballador, que percibirá 31.566 euros, enlazou múltiples contratos desde 2010 ata 2023

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenou á Universidade de Vigo indemnizar a un interino que cesou para acceder á mesma praza como funcionario de carreira tras superar o proceso selectivo. En concreto, a Sala do Social acolleu en parte o recurso de suplicación interposto polo afectado e, en consecuencia, revogou a sentenza de instancia e condenou á entidade a abonarlle 31.566 euros.

No seu recurso, o traballador expuxo se a perda da condición de persoal laboral indefinido (non fixo), “vítima dunha contratación temporal abusiva e fraudulenta”, lle xeraba o dereito a percibir unha indemnización equivalente a 20 días por ano traballado, aínda que a perda da condición de persoal non fixo fose consecuencia da adquisición da condición de funcionario de carreira. Así, argumentou que a renuncia non foi real, “senón un cesamento por acceder ao posto de funcionario, non de persoal laboral fixo”, co que, de acordo coa xurisprudencia do Tribunal Supremo, entende que se tratou de “un despedimento improcedente”.

Na resolución, o TSXG, con todo, advirte que, segundo o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), a indemnización de 20 días é “insuficiente para sancionar debidamente a utilización abusiva de sucesivos contratos ou relacións laborais de duración determinada e eliminar as consecuencias do incumprimento do Dereito da Unión”. Neste caso, segundo relatan os maxistrados na sentenza, unha vez determinada a inexistencia do despedimento e ao solicitarse polo actor para ese suposto unha indemnización de 20 días de salario por ano de servizo, aseguran que é “claro que as esixencias dos principios dispositivo e de congruencia impiden a fixación dunha indemnización maior”. 

A Sala do Social explica que o traballador prestou servizos “baixo a cobertura formal do contrato de interinidade por vacante do 8 de novembro de 2010 ao 24 de maio de 2023 a xornada completa”, polo que conclúe que transcorreu, “con notorio exceso”, o prazo de tres anos, “o que xa por si supón a existencia de fraude ou abuso na contratación, ao non darse ningunha circunstancia extraordinaria que xustifique a ausencia do proceso selectivo para cubrir definitivamente a praza vacante durante tan dilatado período, de acordo coa hermenéutica xurisprudencial” que analiza na sentenza, contra a que cabe interpoñer recurso de casación.