A Audiencia da Coruña condena a 28 anos de cárcere ao home que agrediu sexualmente e asasinou a unha veciña de Cabanas

O Tribunal do Xurado considerou acreditada a aleivosía e o ánimo de matar, pois entendeu probado que o acusado atacou á vítima de forma sorpresiva e que dirixiu as puñaladas a zonas vitais

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, de conformidade co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a 28 anos de cárcere ao home que agrediu sexualmente e asasinou, o 1 de setembro de 2013, a unha muller de 46 anos que saíra a pasear polas inmediacións do seu domicilio, situado no municipio de Cabanas (A Coruña). Ademais, en concepto de responsabilidade civil, deberá indemnizar aos dous fillos da vítima con 150.000 e 110.000 euros, respectivamente. 

O maxistrado presidente sinala na sentenza que o Tribunal do Xurado entendeu probado que o acusado conducía o seu vehículo en sentido Fene cando viu camiñando á veciña da zona, entre as 20:45 e as 21:00 horas. No fallo indica que, decatado da súa presenza, introduciu o turismo nun camiño veciñal, onde o deixou mal estacionado, e se dirixiu ao lugar onde a vira. Unha vez alí, segundo o relato de feitos probados do fallo, “abordouna por detrás, agarrándoa fortemente cun brazo, e golpeouna na mandíbula, procedendo a arrastrala uns 17 metros, de costas, cara a un lateral da estrada, zona de arboredo e vexetación baixa, coa intención de non poder ser visto nin identificado”. Unha vez alí, lanzou á vítima ao chan e agrediuna sexualmente.  

“A continuación, coa intención de acabar coa súa vida, atopándose a muller confusa, desvalida e sen posibilidades de reaccionar, apuñalouna tres veces”, relata o maxistrado presidente na resolución, na que explica que ditas feridas “ocasionaron unha gran hemorraxia na vítima, que provocou o seu falecemento”. O Tribunal do Xurado tamén entendeu probado que o acusado, tras apuñalar á muller, abandonou o lugar, monte a través, ata alcanzar o seu vehículo. O sospeitoso non foi detido ata o 17 de outubro de 2023. 

O maxistrado presidente salienta que o Xurado, para apreciar o ánimo de matar, valorou a entidade das tres feridas incisas causadas, adecuadas para causar a morte da vítima, pois foron dirixidas “a órganos tan vitais como o corazón e o pulmón”, cunha arma branca duns 9 centímetros de folla, o que evidencia “a súa poder vulnerante e mortífera”. 

A iso, engade que considerou probada a aleivosía, unha circunstancia especifica que determina a cualificación do homicidio en asasinato, pois “a vítima ía soa, por unha estrada de pouca concorrencia, realizando unha actividade deportiva”, cando foi abordada polo acusado “dunha forma imprevista e sorpresiva”. Ademais, asegura na sentenza que, como explicou o Xurado, a muller foi apuñalada de fronte, tombada no chan, sen que ofrecese resistencia algunha, pois carecía de feridas de arma branca nas mans, o que indica que non puido defenderse das puñaladas. O Tribunal do Xurado apreciou a superioridade derivada de que o acusado tiña unha arma branca, fronte ao estado desarmado da súa vítima.  

A iso, engádese “a diferente superioridade física, favorable indubidablemente para o acusado, unha persoa corpulenta e alta, fronte a unha muller de 1,60 de altura”. Polo tanto, o maxistrado presidente explica que nos atopamos ante “a aleivosía súbita ou inopinada, chamada tamén sorpresiva, pois é precisamente o carácter sorpresivo da agresión o que suprime a posibilidade de defensa”. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.