A Audiencia da Coruña impón 27 anos de cárcere ao home que asasinou a unha veciña de Oza-Cesuras

A maxistrada presidenta relata que acudiu á vivenda, na que residía a vítima, o seu marido e o seu fillo de dous anos, armado cunha pistola

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto de culpabilidade do Tribunal do Xurado, condenou a 27 anos de cárcere, como autor dun delito de violación de morada en concurso medial cun delito de asasinato alevoso, concorrendo a circunstancia agravante de disfrace; e doutro delito de tenza ilícita de armas, ao home que o 15 de xaneiro do 2021 matou a unha muller en Porzomillos (Oza-Cesuras). Na sentenza, a maxistrada presidenta relata que acudiu á vivenda, na que residía a vítima, o seu marido e o seu fillo de dous anos, armado cunha pistola. Cando a muller saíu de casa e viu ao condenado dentro da leira, fuxiu cara ao interior, pechando a porta, pero o acusado perseguiuna e entrou na casa rompendo a cristaleira da porta. 

A vítima, segundo a resolución, correu cara á planta superior da casa e, coa intención de fuxir, entrou no baño, desde onde, a través da xanela, accedeu ao tellado do garaxe e saltou ao camiño para escapar. Con todo, foi alcanzada polo procesado no exterior da porta do garaxe, onde lle disparou coa arma que portaba na parte traseira da cabeza, polo que faleceu no acto. Tras o disparo, o condenado fuxiu do lugar cara a unha zona próxima á vivenda, onde foi atopado pola Garda Civil. A maxistrada presidenta indica na sentenza que o Tribunal do Xurado considerou por unanimidade ao acusado culpable de matar á vítima, “facéndoo nunhas condicións que aseguraban a morte da muller, sen perigo algún para a integridade física do acusado que puidese provir dunha reacción defensiva por parte da falecida”. Ademais, salienta que, aínda que é certo que “non existe proba directa desa autoría, pois ninguén viu ao procesado matar á vítima”, si existe proba indiciaria. 

Por outra banda, explica que o delito de violación de morada está en relación de concurso medial co delito de asasinato consumado, xa que a entrada e permanencia no domicilio da vítima era medio necesario para poder cometer o asasinato. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.