A psicopatía e a disparidade entre sentenzas centran o debate no peche do primeiro curso da Escola de Verán

A psiquiatra Iolanda Batalla destaca no seu relatorio que “existen controversias na definición de psicopatía e non existe un marcador biolóxico do trastorno”

Autor
Comunicación Poder Judicial
A psicopatía e a disparidade entre sentenzas centran o debate no peche do primeiro curso da Escola de Verán

As enfermidades mentais, a capacidade de decidir sobre delinquir ou non e a diferenza entre sentenzas sobre casos similares foron os temas centrais da xornada de hoxe, que pechou o primeiro curso da Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra no pazo de Mariñán ata o 12 de xullo. O catedrático en psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Sobral Fernández analizou “a existencia de altos niveis de disparidade entre sentenzas para casos iguais” e asegurou que supón “un serio problema para a lexitimación democrática e a representatividade social da función xurisdicional”.

O relator reflexionou sobre este fenómeno e manifestou que está “empiricamente comprobado” que deriva “da influencia dos diferentes valores persoais dos xuíces á hora de interpretar a lei”. Para finalizar a súa intervención, titulada Probas, razoamento e ideoloxía: a construción das sentenzas dispares, profundou na disparidade de criterios en relación con xuízos de imputabilidade.

Son os psicópatas enfermos mentais? Esa é a cuestión que abordou na conferencia que clausurou a xornada de hoxe a psiquiatra, profesora da Universidade de Lleida e investigadora principal do Grupo de Estudo da Psicopatía do Institut de Recerca Biomèdica, Iolanda Batalla Llordés. Para poder responder a esa pregunta, a experta avogou por realizar “unha valoración personalizada de cada individuo, con instrumentos adecuados”, debido a que “existen controversias na definición de psicopatía e non existe un marcador biolóxico do trastorno”. Batalla incidiu en que as avaliacións permiten “diferenciar dous tipos de individuos con abordaxes diferentes a nivel clínico: psicópatas secundarios, que están diagnosticados de trastornos da personalidade con alteracións no control de impulsos, e psicópatas primarios ou de éxito”. A relatora propuxo que as valoracións personalizadas “se traduzan nunha adaptación do sistema xurídico e penal ás características específicas do individuo e nunha flexibilización na imposición de medidas de seguridade”. O curso foi clausurado polo vogal do CXPX e director académico da Escola, Juan Manuel Fernández.

*En la imagen, el catedrático en psicología de la Universidade de Santiago de Compostela Jorge Sobral, la psiquiatra Iolanda Batalla y el vocal del CGPJ Juan Manuel Fernández.