Introducción

Este apartado ten por finalidade difundir a actividade contractual do Consello Xeral do Poder Xudicial, asegurando a transparencia e o acceso público á información relativa á devandita actividade segundo establecen o artigo 63 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, e o artigo 8.1.a) da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno.

O artigo da 639 da Lei Orgánica 6/1985, do 1 de xullo do Poder Xudicial, establece que:

  1. O Consello Xeral do Poder Xudicial poderá asinar os contratos que sexan precisos para o axeitado exercicio das súas atribucións, con suxeición á lexislación de contratos do sector público.
  2. O órgano de contratación será a Comisión Permanente, que deberá manter informado o Pleno sobre os contratos que se asinen.

A Comisión Permanente do Consello, na súa reunión do día 26 de marzo de 2014, acordou:

  1. Deixar sen efecto o acordo de delegación de competencias en materia de contratación tomado na reunión da Comisión Permanente do 15 de xaneiro de 2014 e publicado no Boletín Oficial do Estado número 16, de 18 de xaneiro de 2014.
  2. Delegar no Secretario Xeral do Consello Xeral do Poder Xudicial as funcións de órgano de contratación do Consello, a excepción dos procedementos de contratación de servizos directos á carreira xudicial de carácter tecnolóxico e os bibliográficos.
  3. Delegar no Director do Gabinete Técnico do Consello as funcións de órgano de contratación do Consello nos procedementos de contratación de servizos directos á carreira xudicial de carácter tecnolóxico e os bibliográficos.

Por outra banda, na súa reunión do 28 de xaneiro de 2014 a Comisión Permanente acordou delegar no Secretario Xeral a autorización dos gastos cuxo importe non exceda de 75.000 euros. Non obstante, o Secretario Xeral poderá elevar á Comisión Permanente a autorización dos mencionados gastos cando, atendendo á súa natureza, o considere oportuno.

Por último, por acordo da Secretaría Xeral do 18 de decembro de 2020 (BOE núm. 337, de 26 de decembro) estableceuse a composición da Mesa de Contratación do Consello.

Perfil de contratante

O acceso aos expedientes de contratación tramitados polo Consello mediante procedementos negociados e abertos realízase a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, o punto único de información da contratación pública do Estado e nodo central de intercambio de información de contratación, que serve como "praza de mercado" para a concorrencia de compradores do Sector Público e licitadores (ver "Perfil de contratante").

Contratación menor

Os contratos menores poderán adxudicarse directamente a calquera empresario con capacidade de obrar e que conte coa habilitación profesional necesaria para realizar a prestación, cumprindo coas normas establecidas no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Considéranse contratos menores os contratos de valor estimado inferior a 40.000 euros, cando se trate de contratos de obras, ou a 15.000 euros, cando se trate de contratos de subministración ou de servizos, sen prexuízo do disposto no artigo 229 en relación coas obras, servizos e subministracións centralizados no ámbito estatal.

Nos contratos menores definidos no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a tramitación do expediente exixirá o informe do órgano de contratación en que se motive a necesidade do contrato. Así mesmo, requirirase a aprobación do gasto e a incorporación a el da factura correspondente, que deberá reunir os requisitos que as normas de desenvolvemento desta lei establezan. No contrato menor de obras deberase engadir, ademais, o orzamento das obras, sen prexuízo de que deba existir o correspondente proxecto cando normas específicas así o requiran.

No expediente xustificarase que non se está alterando o obxecto do contrato para evitar a aplicación das regras xerais de contratación e que o contratista non subscribiu máis contratos menores que, individual ou conxuntamente, superen a cifra que consta no punto primeiro deste artigo. O órgano de contratación comprobará o cumprimento da dita regra. Quedan excluídos os supostos encadrados no artigo 168.a).2.n  da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Os contratos menores publicaranse na forma prevista no artigo 63.4 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Contratación centralizada de bens e servizos

Na contratación centralizada de bens e servizos o Consello Xeral do Poder Xudicial non actúa como órgano de contratación senón como mero peticionario, atendendo unicamente á recepción e pagamento dos bens ou servizos declarados de contratación centralizada que lle son fornecidos, sendo a Dirección Xeral de Racionalización e Centralización da Contratación do Ministerio de Facenda quen, consonte coa petición formulada polo Consello, formaliza os contratos directamente cos adxudicatarios dos acordos marco asinados por esta.

Contratos, prórrogas e modificados formalizados

Este apartado contén copia dos contratos formalizados no exercicio actual polo Consello Xeral do Poder Xudicial e das formalizacións de prórrogas e modificados de contratos autorizados polo órgano de contratación durante o exercicio actual. Non se inclúe a contratación menor, que non é obxecto de formalización. Os contratos inclúen os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas polos que se rexeu o correspondente procedemento.

Actas da Mesa de Contratación

Baixo este título recóllese copia das actas das reunións que celebra a Mesa de Contratación do Consello, cuxa última composición é a recollida no Acordo do 25 setembro de 2023, da Secretaría Xeral do Consello Xeral do Poder Xudicial (BOE no 237, do 4 de outubro de 2023). As actas reprodúcense sen incluír os anexos.