Guía de inspeccións

A Guía de criterios para as inspeccións aprobouse por acordo número 46 do Pleno do CXPX do 20 de decembro do 2012, como instrumento de homoxeneización e dirección da actividade inspectora de xulgados e tribunais. O seu contido esencial é o seguinte:

Planificación

Regula la planificación da actividade inspectora, a través de: 

  • Un Plan xeral que corresponde elaborar ao Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial
  • Un Plan anual de inspección que inclúe as prioridades e os criterios de intervención
  • Os programas de traballo que en número de tres anuais son elaborados pola Xefatura do Servizo de Inspección e que inclúen a actuación do Servizo de Inspección e os órganos para visitar en cada período.

Tipoloxía das inspeccións

  • Presencial: implica a visita do equipo de inspección ao órgano. Pode ser de tres tipos:
    • Xeral: supón a análise exhaustiva da actividade global do órgano.
    • Abreviado: supón unha breve análise da actividade global do órgano.
    • De coñecemento: recae sobre aspectos concretos da actividade do órgano.
  • Virtual: realízase a distancia, desde o propio servizo, e o equipo de inspección usa as ferramentas ofrecidas polas aplicacións informáticas.

Equipos de inspección

Os equipos de inspección estarán formados, polo menos, por un/ha maxistrado/a e un/ha secretario/a. Non obstante, a actuación inspectora, polas súas características, poderá realizala un só membro da unidade inspectora. Cabe a posibilidade de formar equipos de inspección con membros de diferentes unidades, conformados segundo os criterios que en cada caso estableza a xefatura do servizo.

Visitas presenciais

Anúncianse ao órgano que se vai inspeccionar con aproximadamente corenta días de antelación, así como ás autoridades e entidades que se indican na guía, tendo en conta o ámbito e a xurisdición do xulgado ou tribunal.

Recompilación de información

Solicítase información ao órgano que se vai inspeccionar e procédese a recompilar toda aquela información de interese que estea dispoñible no consello nos últimos catro anos, ou desde a última inspección presencial posterior, co que se elabora unha avaliación previa.

Inspección presencial ordinaria

Na sede do órgano inspeccionado realízanse entrevistas co equipo reitor, co persoal e os axentes externos, así como, de ser o caso, con outros titulares do partido.

Procédese ademais a:

1. Examinar os procedementos seleccionados.

2. Acceder á aplicación de xestión procesual para comprobar datos.

3. Analizar a carga de traballo e da actividade resolutoria.

4. Examinar a suficiencia do cadro de persoal, a súa organización, a distribución de traballo, o cumprimento do horario, o grao de colaboración, o clima laboral, etc.

5. Comprobar os recursos materiais: inmobles, mobles, xestión, etc.

6. Analizar os sistemas informáticos e as súas prestacións e adecuación e eficacia na xestión procesual.

7. Os libros e contas.

8. O cumprimento dos principios constitucionais do proceso. 

9. A dirección técnica e control do traballo.

10. A relación con cidadáns e profesionais e o cumprimento da Carta de Dereitos dos cidadáns ante a xustiza. 

11. A calidade do servizo público prestado.

Avaliación da actividade inspectora

O Servizo de Planificación e Análise da Actividade Xudicial do CXPX remítelle ao órgano inspeccionado cuestionarios sobre a calidade da actuación inspectora da que foi obxecto.

Elaboración do informe

Despois de cada inspección elabórase un informe para:

  • Pór de manifesto verazmente a situación do órgano.
  • Controlar o cumprimento dos indicadores de entrada e resolución.
  • Servir de axuda á mellora do órgano, mediante a análise das súas disfuncións e a identificación de propostas de mellora.

No cal se efectúan as propostas ao órgano inspeccionado e aos organismos públicos competentes, que se consideran necesarias para a mellora do servizo público, cuxa execución é controlada polo Servizo de Inspección.

Inspección presencial abreviada

Este tipo de visitas levarase a efecto respecto de órganos cuxos datos aparezan normalizados e non sexan visitados nunca ou nos últimos cinco anos polo Servizo de Inspección.

 A  preparación amplíase, estendendo a solicitude de información a determinados aspectos susceptibles de inspección remota, co fin de limitar o exame de expedientes durante a visita e abreviar a mesma, posibilitando que a Unidade Inspectora poida tamén visitar outros Xulgados da demarcación ou próximos e obter unha visión xeral.

 Inspección presencial de coñecemento

A información a solicitar ao órgano xudicial con carácter previo, o ámbito da actuación presencial e o informe que se elabore limitaranse ao obxecto concreto ao que se haxa circunscrito a inspección.

Inspección virtual

Polo menos unha vez ao semestre a Unidade Inspectora avalía a información que haxa no consello sobre os órganos que teña asignados, co fin de comprobar a boa marcha destes ou, de ser o caso, as disfuncións que presente.

Se se detectan anomalías significativas, telefonicamente solicítase o informe do equipo reitor do órgano e simultaneamente, de ser o caso, requirirase para que, por escrito, xustifique as circunstancias que poidan concorrer.

Cando a disfunción sexa susceptible de corrección cos propios medios do órgano, requirirase a presentación dun plan de traballo ou proposta de solución, con inclusión do prazo para o seu cumprimento.

Da actividade de control despregada elabórase un informe no que se reflicten as conclusións e propostas para adoptar respecto de todos os órganos que o precisen.

Memoria

Na memoria do Servizo de Inspección incluirase, sobre a base das análises procedentes das inspeccións realizadas e na información sobre o grao de execución das mocións e propostas, unha valoración global do estado dos xulgados e tribunais dos territorios ou ordes xurisdicionais cuxos órganos fosen obxecto de inspección. Esta valoración deixará constancia, desde a perspectiva do servizo, das melloras producidas e dos principais problemas que debe afrontar no futuro.