Ao teu servizo

Ao teu servizo

O Consello Xeral do Poder Xudicial é un órgano constitucional, colexiado, autónomo, integrado por xuíces e outros xuristas, que exerce funcións de goberno do Poder Xudicial coa finalidade de garantir a independencia dos xuíces no exercicio da función xudicial fronte a todos.

A función de Goberno do Consello versa sobre materias como os nomeamentos, ascensos, e traslados; a inspección do funcionamento dos Xulgados e Tribunais e a esixencia de responsabilidade disciplinaria aos membros da Carreira Xudicial. Mediante a atribución deste tipo de competencias ao Consello, evítase que outro poder do Estado, particularmente o Poder Executivo, poida influír directa ou indirectamente sobre a independencia xudicial.

É importante sinalar que a actuación do Consello Xeral do Poder Xudicial non é de carácter xurisdicional, xa que este tipo de actividade está reservada, tal e como proclama o artigo 117 da Constitución, aos Xuíces e Tribunais. A labor de goberno do Consello é equiparable, en boa medida, aos actos administrativos e, coma no caso destes últimos, as súas resolucións están suxeitas ao control de legalidade por parte dos Xulgados e Tribunais da orde contencioso-administrativa.

A función de goberno dos Xuíces e Tribunais non recae exclusivamente no Consello Xeral do Poder Xudicial, xa que as Salas de Goberno do Tribunal Supremo, da Audiencia Nacional e dos Tribunais Superiores de Xustiza ostentan tamén competencias nesta materia, aínda que en última instancia as súas resolucións son revisables polo Consello.

O Consello debe velar polo decidido mantemento da independencia xudicial, e así, se un Xuíz ou Maxistrado é perturbado ou inquietado no exercicio da función xurisdicional,o artigo 14 da Lei Orgánica do Poder Xudicial faculta ao Consello para poñer fin a esta intromisión.

A defensa da independencia xudicial non acaba coa adopción deste tipo de medidas, xa que o propio Consello debe ser escrupulosamente respectuoso con dita independencia e, en consecuencia, debe absterse de realizar calquera tipo de indicación, instrución, orde ou mandato dirixido aos Xuíces e tribunais, sobre o xeito en que estes deben interpretar e aplicar o ordenamento xurídico.

A xestión dos recursos materiais e persoais do sistema xudicial corresponde ao Poder Executivo, principalmente ao Ministerio de Xustiza ou ás Comunidades Autónomas que asumiron as competencias nesta materia.

O Consello elabora, executa e controla con interventores o cumprimento do seu orzamento anual. Dá conta da liquidación do orzamento ao Tribunal de Contas.

O CXPX ten a obriga de remitir ás Cortes Xerais a Memoria anual sobre o estado, funcionamento e actividades do CXPX e dos Xulgados e Tribunais de España. A memoria inclúe as necesidades que, ao seu xuízo, existen en materia de persoal, instalacións e recursos para o correcto desempeño das funcións atribuídas ao Poder Xudicial.

As Cortes Xerais poderán debater o contido da Memoria e reclamar, no seu caso, a comparecencia do presidente do CXPX ou do membro en quen delegue. Os parlamentarios poden formular mocións e preguntas, de obrigada contestación por parte do Consello.