Historia da AN

A Audiencia Nacional foi creada en virtude de Real Decreto Lei 1/1977  (BOE do 5 de xaneiro de 1977), o mesmo ano en que se celebraron as primeiras eleccións democráticas tras a ditadura. A democracia e a Audiencia Nacional creceron xuntas. Neste Tribunal, os homes e mulleres que traballaron nel durante as tres últimas décadas, prestaron un relevante servizo ao fortalecemento do noso Estado social e democrático de Dereito, de xeito particular, combatendo a eiva do terrorismo.

Neste tempo, a Audiencia alcanzou unha merecida auctoritas, exerceu con eficacia competencias xurisdicionais de especial relevancia e logrou unha importante repercusión social a través de cada unha das ordes que a integran.

En ocasións, en razón da atención que suscitan as cuestións penais, esquécese que a Audiencia Nacional non só está formada pola Sala Penal senón tamén por outras Salas e Tribunais como son os das ordes social e contencioso-administrativo que levan a cabo funcións esenciais para a vida económica e social deste país.

Certamente, aos Maxistrados e Maxistradas integrantes das respectivas Salas e Xulgados da AN correspóndelles por imperativo constitucional xulgar e facer executar o xulgado e á presidencia promover e garantir, dentro do marco legal para o efecto establecido, dunha parte, a súa independencia, pois sen ela non existe verdadeiro poder xudicial e, doutra, a esixencia das responsabilidades que procedan, pois ambos os dous conceptos, independencia e responsabilidade, están indisolublemente unidos.

A Audiencia Nacional constitúe, e niso existe coincidencia doutrinal e social, unha peza clave dentro da estrutura xudicial en razón ás especiais competencias que lle corresponden.

Ese relevante ámbito competencial que corresponde á Audiencia, fai que, quizais, se converta para a opinión pública no símbolo máis presente do modo en que funciona a Xustiza no noso país.

O carácter complexo e moitas veces global das ameazas á liberdade e seguridade que sofren as nosas sociedades do século XXI esixe órganos xudiciais altamente cualificados e especializados para manter o vigor do Estado de Dereito nas novas circunstancias do mundo globalizado. Este é o caso da Audiencia Nacional.