Rede Xudicial Europea Penal

A orixe da mesma atópase no grupo multidisciplinar para a prevención e persecución do crime organizado (MDG) que existía no seo do Consello da Unión Europea ante a frecuencia con que o crime organizado levaba a cabo as súas actividades en distintos países, facendo necesaria para a súa persecución a cooperación internacional policial e xudicial, dadas as demoras que a necesidade de tal cooperación introduce nas actividades de prevención e persecución.

A nivel de cooperación xudicial recomendouse a creación dunha “Rede Xudicial Europea” para facilitar a cooperación xudicial internacional ante os éxitos que se obtiveran con igual tipo de redes no ámbito policial.

Con este antecedente a “Rede Xudicial Europea” constituíuse por medio da Acción Común de 29 de xuño de 1998 adoptada polo Consello sobre a base do art. K 3 do Tratado da Unión Europea concernente á creación da Rede Xudicial Europea converténdose tralo Consello Europeo de Tampere celebrado os días 15 e 16 de Outubro de 1999 nun instrumento esencial no obxectivo de creación dun espazo xudicial europeo de liberdade, seguridade e xustiza.

Con ela trátase de vincular en cada país da Unión, a determinadas persoas para facilitar os datos precisos para levar a cabo calquera actividade de cooperación xudicial, segundo as leis de cada Estado, axilizando os trámites administrativos que as demandas de cooperación comportan.

En canto á área de actuación da Rede, a Acción Común que deu orixe á súa creación fai unha especial referencia á cooperación para a persecución de “delitos graves” como son o crime organizado, a corrupción, o tráfico de drogas ou o terrorismo, aínda que dada a redacción da norma (“particularmente para combater delitos graves”) non se exclúe a posibilidade de que a rede interveña noutros casos de cooperación xudicial internacional de carácter penal.

En canto ao seu funcionamento, o mecanismo de cooperación elixido é o de establecer unha rede de puntos de contacto xudiciais entre os Estados Membros que deben ser designados por cada país segundo as súas circunstancias, debendo cubrir todo o seu territorio e coñecer polo menos outra lingua oficial doutro estado da Unión Europea.

As funcións básicas dos puntos de contacto son:

  • Facilitar a cooperación xudicial entre os Estados Membros.
  • En caso necesario, desprazarse para reunirse cos puntos de contacto dos demais Estados Membros.
  • Proporcionar ás autoridades xudiciais locais do seu país a información xurídica e práctica necesaria.
  • Proporcionar ás autoridades xudiciais locais dos demais países a información xurídica e práctica necesaria.
  • Mellorar a coordinación dos casos xudiciais.

Das funcións antes sinaladas a de información é a máis complexa dado o elevado número de instrumentos legais existentes e que establecen mecanismos de comunicación directa. É por isto que ante a necesidade dun instrumento en base ao que as autoridades xudiciais locais de cada Estado Membro poidan inmediatamente identificar a autoridade xudicial competente noutro estado Membro se creou o Atlas Xudicial Europeo no que se conteñen todos estes datos.

Xunto ao anterior e como outro produto da Rede, merece destacar o das “fichas belgas” que son 42 fichas técnicas referentes ás distintas medidas de investigación (rexistros, audiencia de testemuñas, bloqueo de bens, etc) e nas que se explica a forma de proceder ao respecto en cada Estado Membro de xeito que se teña a disposición a información que un Maxistrado necesita cando debe levar a cabo algunha medida noutro Estado Membro.

En España e como puntos de contacto os mesmos son:

  • Polo Mº de Xustiza a Subdirectora Xeral de Cooperación Xurídica Internacional.
  • Polo CXPX o Vogal membro da Comisión de Relacións Internacionais e un Letrado do Servizo de Relacións Internacionais.
  • Polo Ministerio Fiscal.
  • Catro puntos de contacto en:
    • Fiscalía Xeral do Estado.
    • Fiscalía Especial Antidroga.
    • Fiscalía Nacional con competencia en materias de terrorismo e extradición.
    • Fiscalía Anticorrupción.