Xulgados do Contencioso Administrativo

Son órganos xudiciais unipersoais que coñecen en primeira ou única instancia os recursos contra os actos e as disposicións das Administracións Públicas que a lei determina. O seu ámbito territorial é a provincia, en cuxa capital teñen a súa sede.

O xulgado do Contencioso-Administrativo soluciona os conflitos entre cidadáns ou persoas xurídicas e as administracións públicas, así como os conflitos que se presentan entre as administracións. Coñece ademais de recursos sobre determinados actos administrativos das Comunidades Autónomas e das entidades locais (tamén das entidades e corporacións dependentes ou vinculadas a elas), así como dos recursos de estranxeiría; e contra actos das Xuntas Electorais.