Comisión de seguimento

Desde o observatorio impulsouse a creación da Comisión de Seguimento para a implantación da Lei reguladora da Orde de protección das vítimas da violencia doméstica, prevista na disposición adicional segunda da Lei 27/2003, do 31 de xullo. Esta lei foi publicada no BOE o 1 de agosto de 2003 e entrou en vigor o día seguinte.

O día 22 de xullo de 2003, ante a inminente aprobación da lei polo parlamento, constituíuse esta comisión, integrada polas institucións do observatorio- vogais do CXPX, ministerios de Xustiza e de Traballo e Asuntos Sociais e CC. AA. con competencia en xustiza-, polo Ministerio do Interior e por unha representación da Fiscalía Xeral do Estado, do Consello Xeral da Avogacía, do Colexio Nacional de Procuradores e da Federación de Municipios e Provincias.

Correspondía a esta Comisión de Seguimento "a elaboración de protocolos de alcance xeral para a implantación da orde de protección regulada nesta lei, así como a elaboración de instrumentos acaídos de coordinación que aseguren a efectividade das medidas de protección e de seguridade adoptadas polos xuíces e tribunais e polas administracións públicas competentes".

As Cortes Xerais aproban a Lei 27/2003, do 31 de xullo.

Esta comisión aprobou o día 31 de xullo:

1.- O protocolo de alcance xeral para a implantación da orde de protección das vítimas de violencia doméstica, o cal establecía os criterios de coordinación entre o Poder Xudicial, as forzas e corpos de seguridade e o resto de administracións públicas chamadas a dar as respostas que no terreo da seguridade, asistencia xurídica, psicolóxica, sanitaria e social precisase a vítima.

2.- O formulario/modelo de solicitude da orde de protección, a disposición de todas as vítimas de violencia doméstica, a cal foi repartida a todas as institucións que en virtude do texto legal deben canalizar cara ao xulgado de garda - hoxe, tamén, cara ao xulgado de violencia sobre a muller - calquera denuncia que se formulase.

O protocolo e o modelo de solicitude foron difundidos polos integrantes da comisión ás institucións e persoas que deles dependían, e inseriuse nas respectivas páxinas web. O CXPX distribúellos á carreira xudicial o mesmo día da súa publicación.

A comisión, na súa reunión do 18 de decembro do 2003, aprobou:

a) As liñas directrices do sistema de comunicacións entre as autoridades xudiciais e a Policía Xudicial, que pretendía regular ou arbitrar un procedemento áxil e seguro en materia de comunicacións entre a autoridade xudicial e a Policía Xudicial a prol da efectividade da protección integral das vítimas de violencia doméstica. Este documento foi substituído polo "Protocolo de actuación das forzas e corpos de seguridade e de coordinación cos órganos xudiciais", aprobado pola Comisión de Seguimento para a Implantación da Orde de protección, na súa reunión do 10 de xuño de 2004.

b) Protocolo de coordinación entre as ordes xurisdicionais penal e civil para a protección das vítimas de violencia doméstica: establece uns criterios para a adecuada coordinación de ambas as xurisdicións co obxecto de protexer eficazmente as vítimas de violencia doméstica. A coordinación entre ambas as ordes xurisdicionais está destinada a:

  • proporcionarlle á vítima un marco integral de protección, evitando que existan resolucións contraditorias,
  • proporcionarlle aos xulgados civís de familia un adecuado coñecemento das actuacións realizadas polos xulgados de instrución en asuntos de violencia doméstica e
  • facilitar que o xulgado civil de familia poida adoptar dentro dos prazos legais a resolución sobre a ratificación, modificación ou levantamento das medidas civís acordadas nunha orde de protección.

Destaca a importancia do coñecemento puntual das resolucións xudiciais ditadas en relación coa mesma vítima ou núcleo familiar, para o cal cómpre o correcto funcionamento do Rexistro central para la protección das vítimas da violencia doméstica, previsto polo apartado 10 do artigo 544 ter. da Lei de axuizamento criminal.

Este documento difundiuse á carreira xudicial.

c) Respecto da coordinación administrativa en materia de medidas asistenciais e de protección social. Séguese a traballar no desenvolvemento dos puntos de coordinación que determinaron as CC. AA., para que se constitúa en lugar de recepción da notificación e de comunicación ás administracións competentes para a adopción das medidas sociais e asistenciais oportunas. As comunidades autónomas que facilitaron á comisión os puntos de coordinación, fixaron como tales, unhas, as oficinas de atención ás vítimas, e outras, a dirección xeral ou o instituto da muller da respectiva comunidade autónoma. Destes puntos de coordinación deuse traslado aos xulgados e tribunais competentes.

d) A comisión preparou un informe relativo á asistencia xurídica a vítimas de violencia doméstica e aos recursos asistenciais e de protección que teñen as CC. AA. a disposición das vítimas.

A comisión, na súa reunión do 10 de decembro do 2004, aprobou:

"Protocolo de actuación das forzas e corpos de seguridade e de coordinación cos órganos xudiciais para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero". Este protocolo responde ao compromiso destas institucións de lograr unha protección máis eficaz ás vítimas da violencia de xénero, potenciando a presenza en todas as unidades de policía xudicial de funcionarios das forzas e corpos de seguridade especializados no tratamento da violencia doméstica e de xénero, e regulando as súas actuacións para optimizar a protección. Un dos principais obxectivos do protocolo é a coordinación entre xuíces e policías asegurando unha comunicación áxil e fluída entre ambos os corpos para garantir a protección das vítimas. Este protocolo adaptouse ás modificacións introducidas pola Lei orgánica 1/2004, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, que foi aprobado pola comisión técnica da Comisión Nacional de Coordinación da Policía Xudicial, o 28 de xuño do 2005.