O Pleno

EtiquetasEtiquetas:  pleno do CXPX, CXPX

Mesa Pleno

Está composto por todos os membros do Consello Xeral do Poder Xudicial.

O Pleno reunirase en sesión ordinaria, a convocatoria do Presidente, unha vez ao mes. Deberase levar a cabo sesión extraordinaria se o considerar oportuno o Presidente ou se o solicitaren cinco Vogais, para o exercicio dalgunha das competencias referidas no artigo anterior. De igual maneira, deberase levar a cabo sesión extraordinaria se así fose necesario para dar cumprimento en prazo a algunha das competencias atribuídas ao Pleno.

Na sesión na que se teña que proceder á elección do Presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial será necesaria, para a válida constitución do Pleno, polo menos a presenza de doce dos seus membros. Nos demais casos, para a válida constitución do Pleno será sempre necesaria, como mínimo, a presenza de dez Vogais e o Presidente (Artigo 600 LOPX).

As súas funcións atópanse recollidas no artigo 599 da Lei Orgánica do Poder Xudicial (LOPJ, polas súas siglas en castelán). Coñecerá exclusivamente das seguintes materias:

  1. A proposta de nomeamento, por maioría de tres quintos, dos dous Maxistrados do Tribunal Constitucional cuxa designación corresponde ao Consello Xeral do Poder Xudicial, que terá que realizarse no prazo máximo de tres meses a contar desde o día seguinte ao vencemento do mandato anterior (prazo introducido pola Lei Orgánica 8/2022, de 27 de xullo, de modificación dos artigos 570 bis e 599 da Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial)
  2. A proposta de nomeamento, nos termos previstos por esta Lei Orgánica, do Presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, así como a emisión do informe previo sobre o nomeamento do Fiscal Xeral do Estado.
  3. O nomeamento, nos termos previstos por esta Lei Orgánica, do Vicepresidente do Tribunal Supremo, do Secretario Xeral e do Vicesecretario Xeral do Consello Xeral do Poder Xudicial.
  4. Todos os nomeamentos ou propostas de nomeamentos e promocións que impliquen algunha marxe de discrecionalidade ou apreciación de méritos.
  5. A interposición do conflito de atribucións entre órganos constitucionais do Estado.
  6. A designación dos Vogais compoñentes das diferentes Comisións.
  7. O exercicio da potestade regulamentaria nos termos previstos nesta Lei.
  8. A aprobación do Orzamento do Consello Xeral do Poder Xudicial e a recepción da rendición de contas da súa execución.
  9. A aprobación da Memoria anual.
  10. A resolución daqueles expedientes disciplinarios nos que a proposta de sanción consista na separación da carreira xudicial.
  11. A resolución dos recursos de alzada interpostos contra os acordos sancionadores da Comisión Disciplinaria.
  12.  A aprobación dos informes sobre os anteproxectos de lei ou de disposicións xerais que se sometan ao seu ditame polo Goberno ou as Cámaras lexislativas.

Réxime xurídico aplicable ao Consello Xeral do Poder Xudicial en funcións

Cando, por no producirse a súa renovación no prazo legalmente previsto, o Consello Xeral do Poder Xudicial entre en funcións, a actividade do mesmo limitarase á realización das atribucións establecidas no artigo 570 bis da Lei Orgánica do Poder Xudicial, introducido pola Lei Orgánica 4/2021, de 29 de marzo, pola que se modifica a Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial, para o establecemento do réxime xurídico aplicable ao Consello Xeral do Poder Xudicial en funcións

  1. Propoñer o nomeamento de dous Maxistrados do Tribunal Constitucional, nos termos previstos polo artigo 599.1.1.ª (atribución introducida pola Lei Orgánica 8/2022, de 27 de xullo, de modificación dos artigos 570 bis e 599 da Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial).
  2. Ser oído polo Goberno antes do nomeamento do Fiscal Xeral do Estado.
  3. Participar, nos termos legalmente previstos, na selección de Xuíces e Maxistrados.
  4. Resolver o que proceda en materia de formación e perfeccionamento, provisión de destinos, ascensos regulados, situacións administrativas e réxime disciplinario de Xuíces e Maxistrados.
  5. Exercer a alta inspección de Tribunais, así como a supervisión e coordinación da actividade inspectora ordinaria dos Presidentes e Salas de Goberno dos Tribunais.
  6. Coidar da publicación oficial das sentenzas e demais resolucións que se determinen do Tribunal Supremo e do resto de órganos xudiciais.
  7. Garantir o funcionamento e actualizar os programas formativos da Escola Xudicial.
  8. Exercer a potestade regulamentaria nas seguintes materias:

    a) Publicidade das actuacións xudiciais.
    b) Publicación e reutilización das resolucións xudiciais.
    c) Habilitación de días e horas, así como fixación de horas de audiencia pública.
    d) Constitución dos órganos xudiciais fóra da súa sé.
    e) Réxime de gardas dos órganos xurisdicionais.
    f) Organización e xestión da actuación dos órganos xudiciais españois en materia de cooperación xurisdicional interna e internacional.
    g) Condicións accesorias para o exercicio dos dereitos e deberes que conforman o estatuto de Xuíces e Maxistrados, así como o réxime xurídico das Asociacións xudiciais, sen que tal desenvolvemento regulamentario poida supoñer innovación ou alteración ningunha da regulación legal.
  9. Aprobar a relación de postos de traballo do persoal funcionario ao seu servizo.
  10. Colaborar coa Autoridade de Control en materia de protección de datos no eido da Administración de Xustiza.
  11. Recibir queixas dos cidadáns en materias relacionadas coa Administración de Xustiza.
  12. Elaborar e executar o seu propio orzamento, nos termos previstos na presente Lei Orgánica.
  13. Propoñer, previa xustificación da necesidade, as medidas de reforzo que sexan precisas en concretos órganos xudiciais.
  14. Emitir informe nos expedientes de responsabilidade patrimonial por anormal funcionamento da Administración de Xustiza.
  15. Recompilar e actualizar os Principios de Ética Xudicial e proceder á súa divulgación, así como a súa promoción con outras entidades e organizacións xudiciais, nacionais ou internacionais.
  16. Elaborar os informes sobre os anteproxectos de lei e disposicións xerais que, en virtude do disposto no artigo 561, lle correspondan.