Área xurisdicional - Nomeamento e selección

Os letrados que han de prestar servizo no Gabinete Técnico son seleccionados mediante concurso de méritos, establecéndose no anuncio da convocatoria os criterios de selección.  Os letrados que non pertenzan á carreira xudicial ou fiscal han de ser funcionarios do corpo de letrados da Administración de Xustiza ou funcionarios das Administracións Públicas ou órganos constitucionais, con titulación en Dereito, pertencentes a corpos do subgrupo A1 ou asimilados. 

A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial realizará a convocatoria a proposta do presidente do Tribunal Supremo, quen oirá previamente, para os efectos de fixar os criterios de selección, a Sala de Goberno.

O presidente do Tribunal Supremo, oídos os presidentes de sala e o director do Gabinete Técnico, someterá á Sala de Goberno, para a súa aprobación, a proposta de candidatos a cubrir as prazas de letrado do Gabinete Técnico.  O presidente do Tribunal Supremo dirixirá ao Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial a proposta da Sala de Goberno para que proceda ao nomeamento daqueles que vaian ocupar as prazas de letrado do Gabinete Técnico.

Os letrados que sexan seleccionados serán nomeados por un ano.  Unha vez cumprido ese prazo, o presidente do Tribunal Supremo, oídos o presidente de sala respectivo e o director do Gabinete Técnico, proporá, no seu caso, a prórroga na praza, en conformidade co procedemento establecido para o nomeamento inicial.  Os letrados poderán ser prorrogados por sucesivos períodos de tres anos.  Sen prexuízo do anterior, os letrados poderán ser cesados polo presidente do Tribunal Supremo por incumprimento grave dos deberes da súa función.