Sala Especial do artigo 61

A Sala Especial coñecerá (art. 61 LOPX):

1º Dos recursos de revisión contra as sentenzas ditadas en única instancia pola Sala do Contencioso-Administrativo dese tribunal.

2º Dos incidentes de recusación do presidente do Tribunal Supremo, ou dos presidentes de sala, ou de máis de dous maxistrados dunha sala.

Neste caso, os afectados directamente pola recusación serán substituídos por quen corresponda.

3º Das demandas de responsabilidade civil que se dirixan contra os presidentes de sala ou contra todos ou a maior parte dos maxistrados dunha sala dese tribunal por feitos realizados no exercicio do seu cargo.

4º Da instrución e axuizamento das causas contra os presidentes de sala ou contra os maxistrados dunha sala, cando sexan xulgados todos ou a maior parte dos que a constitúen.

5º Do coñecemento das pretensións de declaración de erro xudicial cando este se impute a unha sala do Tribunal Supremo.

6º Dos procesos de declaración de ilegalidade e consecuente disolución dos partidos políticos, conforme o disposto na Lei orgánica 6/2002, do 27 de xuño, de partidos políticos.

Nas causas ás que se refire o número 4 do apartado anterior designarase de entre os membros da sala, de acordo cunha quenda preestablecida, un instrutor que non formará parte dela para axuizalos.

Unha sección, formada polo presidente do Tribunal Supremo, o da Sala do Contencioso-Administrativo e cinco maxistrados desta mesma sala, que serán os dous máis antigos e os tres máis modernos, coñecerá do recurso de casación para a unificación de doutrina cando a contradición se produza entre sentenzas ditadas en única instancia por seccións distintas desa sala.