Xulgados de Paz

EtiquetasEtiquetas:  tribunais, xulgados de paz

Os Xulgados de Paz son servidos por xuíces legos, é dicir, persoas que non pertencen á carreira xudicial, a diferenza do resto dos órganos xudiciais existentes en España.

Trátase de órganos unipersoais situados nos municipios onde non existe Xulgado de Primeira Instancia e Instrución. Asumen competencias de menor importancia tanto na orde civil como na penal.

Ademais ofrecen un servizo relevante en materia de cooperación xudicial ao facilitar a comunicación dos demais órganos xudiciais cos cidadáns residentes nos municipios onde o Xulgado de Paz ten a súa sede.

Os xuíces de paz son elixidos pola maioría absoluta do Pleno do Concello, entre as persoas que, reunindo as condicións legais, así o soliciten. Son nomeados pola Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza por un período de catro anos. Prestan xuramento ante o Xuíz de Primeira Instancia e Instrución. Cesan polas mesmas causas que os Xuíces de carreira en canto lles sexan de aplicación.