Historia do TSX Aragón

O Palacio dos Condes de Morata ou de Luna é unha das máis emblemáticas e descoñecidas edificacións do século XVI de Aragón. Foi mandado construír ao redor do ano 1551 por Pedro Martínez de Luna, primeiro Conde de Morata e o vicerrei de Aragón, e pola súa esposa, Dona Inés de Mendoza. Esta casa-palacio é obra do arquitecto Martín Gaztelu de Tudela contratado polos Condes para que levase a cabo a súa construción nunha finca da súa propiedade, situada no cinto exterior da “Caesaraugusta” romana.

Co tempo o Palacio pasaría a ser propiedade doutras familias nobres sendo finalmente doado a Felipe V en 1728 quen o convertería en residencia oficial da súa familia durante as súas estancias en Zaragoza e sendo ocupado polo seu representante cando el non o visitaba. Isto significou que dende ese momento o Palacio se convertía na Capitanía Xeral de Aragón e residencia dos Capitáns Xenerais.
A principios do século XIX, e froito dos acontecementos, o palacio conta cun novo e ilustre inquilino. O mozo militar José Palafox, fillo dos marqueses de Lazán, é nomeado Capitán Xeneral de Zaragoza. O Palacio é ocupado polas tropas nacionais estando á fronte delas o xeneral Palafox, que o habitará ata que as tropas francesas ocupen Zaragoza. Coa entrada do exército estranxeiro o palacio volve a cambiar de inquilino e será o Xeneral Xefe das tropas francesas, Mariscal Jean Lannes, quen ocupe o palacio ata a súa marcha. É no 1814, coa retirada das tropas francesas de España, cando o Palacio dos Condes de Morata se converte na sede da Audiencia do Territorio de Aragón, destino que sería ratificado o 2 de novembro de 1825 polo Rei Fernando VII e que dende entón se segue mantendo.

No primeiro terzo do século XX, o Palacio foi obxecto dunha profunda reforma levada a cabo polo arquitecto Regino Borobio, proxecto auspiciado por Galo Ponte e Escartín, Ministro de Graza e Xustiza durante o reinado de Alfonso XIII. En 1931 e por decreto de 3 de xuño, o Goberno declara o Palacio do Primeiro Conde de Morata Monumento Nacional.

Con posterioridade, e malia ás numerosas reformas que se introducen na Administración de Xustiza cos Decretos de Nova Planta, o Palacio dos Condes de Morata seguiu fiel ao seu destino e en 1870, tras constituírse as Audiencias Territoriais, noméase para a de Aragón ao primeiro presidente: Eugenio Angulo (1870 a 1872). O Palacio dos Condes de Morata seguiu sendo sede da Audiencia Territorial de Aragón ata que o 28 de decembro de 1988, a nova Lei de Demarcación e Planta Xudicial (38/1988) establece aos Tribunais Superiores de Xustiza como máximos órganos xudiciais nas Comunidades Autónomas. Así, o 23 de Maio de 1989, data da Constitución do Tribunal Superior de Xustiza de Aragón, a Audiencia Territorial deixa de existir e o Palacio dos Condes de Morata pasa a ser a sede do Tribunal Superior de Xustiza de Aragón.

Obra do arquitecto Martín Gaztelu de Tudela, foi construído con pedra (de Epila e de Rueda) na súa parte baixa e ladrillo na súa parte superior e rematado nos seus laterais por dous torreóns. Dende o punto de vista arquitectónico o Palacio pertence ao renacemento aragonés e o máis destacado a primeira vista é a porta construída cun arco de medio punto e flanqueada por dúas grandes estatuas, o que fai que popularmente se coñeza como “a porta dos xigantes”. Estas dúas figuras, ata certo punto enigmáticas, parecen ser a representación de Hércules (dereita) e Teseo (esquerda).

Na parte superior da porta principal o friso existente é motivo de controversias en canto á súa interpretación xa que mentres para algúns representa a entrada de César Augusto na Cidade para outros garda estreita relación coa entrada do papa Benedicto XIII, parente próximo dos Condes de Luna. Este edificio, vinculado historicamente á tarefa de impartir xustiza, conta no seu interior cun patio porticado sostido por  catorce columnas e na parte superior do pórtico, na súa cara externa, está circundado por  cincuenta e seis medallóns representando os escudos das oito cidades máis importantes de Aragón nas que se celebraron Cortes. Cada un deles encerra un reproche á introdución do Dereito Castelán por canto supuña a perda de identidade do antigo reino. Os escudos foron obra do arquitecto aragonés, Regino Borobio.

Dentro do patio do Tribunal a estatua de Themis, ao carón do arranque da escaleira nobre, é outro dos detalles a destacar. Obra do escultor Palau resulta singular por canto non está representada cos ollos vendados, nin coa balanza en equilibrio.
O interior do Palacio, con decoración renacentista de estilo aragonés, acolle unha das pouquísimas capelas renacentistas que existen na actualidade. No chan, de cerámica, atópase representado o escudo dos Reis Católicos e sobre o retablo do altar, obra dos irmáns Albareda (1.928), destaca un Cristo de gran forza expresiva do final do Renacemento.

Dende abril de 2010, e trala súa restauración, as salas de vistas do Tribunal Superior de Xustiza de Aragón exhiben unha colección de seis tapices. Iconograficamente  agrúpanse en dous tríos. Un representando o escudo real da unificación dinástica e territorial  levada a cabo por Isabel de Castela e Fernando de Aragón, e un segundo integrado polo emblema borbónico de escudo coroado.

A súa restauración, tras longos anos de esquecemento e abandono, permitiu que os tapices volvan estar colocados nos lugares para os que foron concibidos.