Expertos debaten na Escola de Verán do Poder Xudicial sobre a fiabilidade das testemuñas oculares

Giuliana Mazzoni, docente en Italia e Reino Unido de psicoloxía e neurociencia, describiu algúns dos erros máis comúns á hora de realizar entrevistas e interpretar testemuños. “A valoración racional das probas esixe a comprensión xudicial do afirmado polo perito”, destacou Carmen Vázquez, especialista en razoamento probatorio

Autor
Comunicación Poder Judicial
Expertos debaten na Escola de Verán do Poder Xudicial sobre a fiabilidade das testemuñas oculares

A fiabilidade das declaracións das testemuñas presenciais de feitos delituosos e a súa validez como proba centrou a xornada de hoxe da Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra ata o 12 de xullo no pazo de Mariñán, na provincia da Coruña. A profesora de psicoloxía e neurociencia da Universidade de Roma e da Universidade de Hull (Reino Unido), Giuliana Mazzoni, autora de Psicoloxía do testemuño, profundou nas condicións nas que se realizan as investigacións e os interrogatorios. Analizalas, segundo a experta, é clave á hora de valorar a fiabilidade dos testemuños. Durante o relatorio, a experta describiu algúns dos erros máis comúns das técnicas empregadas para entrevistar a testemuñas e desvelou mecanismos para evitalos.

“A psicoloxía de testemuñas oculares representa unha área moi importante da investigación científica en psicoloxía forense. Fai uso de metodoloxías científicas rigorosas e proporciona importantes resultados que deben ser coñecidos polos organismos encargados de facer cumprir a lei, así como polos fiscais e xuíces, xa que axudan a comprender como se produce un testemuño e como se debe avaliar a súa fiabilidade”, destacou Mazzoni durante a súa intervención no segundo curso da Escola de Verán, organizado baixo o título Avances científicos e a súa repercusión na resolución xudicial.

Os intervenientes na mesa redonda de hoxe, moderada polo director académico do curso, o vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial Juan Manuel Fernández Martín, debateron sobre o valor das probas forenses. Nela participaron o fiscal de Sala do Tribunal Supremo Jaime Moreno Verdejo e a investigadora do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago de Compostela Lourdes Prieto Solla, así como a profesora de Filosofía do Dereito e coordinadora académica do máster en razoamento probatorio da Universidade de Xirona e da Universidade de Xénova, Carmen Vázquez Rojas.

Vázquez incidiu en que unha “valoración racional” das probas esixe “a comprensión xudicial do afirmado polo perito”, polo que avogou por implementar “mecanismos procesuais que lles permitan aos xuíces levar a cabo ese labor”. A especialista propuxo “explorar mecanismos como a xunta de peritos cando hai desacordos xenuínos entre eles, que os xuíces conten con asesores expertos cando estean en xogo coñecementos complexos e, por suposto, que o xuíz formule preguntas aclaratorias durante a práctica destas probas cando teña certas dúbidas sobre as afirmacións expertas”.

A valoración probabilística da proba de ADN foi tratada pola investigadora do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago de Compostela. “É indubidable o papel fundamental que ten a proba de ADN na investigación de feitos delituosos. Con todo, tamén se pode malinterpretar o que o ADN pode dicirnos. Esta proba proporciona un indicio que non constitúe nin pode constituír proba directa do delito nin da súa autoría, xa que debe ser valorada en termos de probabilidade e conxuntamente co resto dos indicios obtidos”, advertiu Prieto.

* En la imagen, el vocal del CGPJ Juan Manuel Fernández, el fiscal de Sala del Tribunal Supremo Jaime Moreno Verdejo, la profesora de Filosofía del Derecho y coordinadora académica del máster en razonamiento probatorio de la Universidad de Girona y de la Universidad de Génova, Carmen Vázquez, la docente en Italia y Reino Unido de psicología y neurociencia Giuliana Mazzoni, y la investigadora del Instituto de Ciencias Forenses de la Universidad de Santiago de Compostela, Lourdes Prieto.