O presidente da AN afirma que a corrupción non pode combaterse só co dereito penal

José Ramón Navarro destacou a “importancia na rapidez con que chega a sanción” e o ser capaces de “transmitir a certeza de que os corruptos non van poder eludir a acción da xustiza

Autor
Comunicación Poder Judicial
El presidente de la Audiencia, José Ramón Navarro, y el vocal del CGPJ Juan Manuel Fernández
El presidente de la Audiencia, José Ramón Navarro, y el vocal del CGPJ Juan Manuel Fernández

O presidente da Audiencia Nacional, José Ramón Navarro, apostou por políticas preventivas na loita contra a corrupción na súa intervención na Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra no pazo de Mariñán. “A corrupción non se pode combater exclusivamente co dereito penal, senón que este debe ir precedido e acompañado de medidas preventivas, tanto sociais como legais: transparencia, controis eficaces e mecanismos de dación de contas”, afirmou o maxistrado, quen con todo quixo deixar claro que “si é unha ferramenta necesaria e mesmo imprescindible na loita contra os fenómenos de corrupción”.

Para Navarro, “o incremento das penas non é a solución para loitar contra a corrupción”. Destacou a “importancia na rapidez con que chega a sanción” e o ser capaces de “transmitir a certeza de que os corruptos non van poder eludir a acción da xustiza”.

O presidente da Audiencia Nacional reclamou tamén “unha definición clara e definitiva” na Lei orgánica do Poder Xudicial das competencias deste órgano no relativo aos casos de corrupción. Insistiu tamén na necesidade dunha “nova e duradeira” Lei de axuizamento criminal, pactada por todos os grupos políticos, xa que considera que tras as múltiples modificacións que sufriu, a actual LACrim é nalgúns puntos “incoherente e inconexa”.

Na Escola de Verán tamén participou hoxe o maxistrado da Audiencia Nacional Enrique López, a maxistrada Mercé Caso e o avogado José Antonio Choclán, que participaron na mesa redonda A quen beneficia o abandono ou a precariedade de medios do servizo público da Xustiza?

O vogal Juan Manuel Fernández, director académico da Escola, quixo aproveitar a súa presenza nesta mesa redonda para condenar o ataque con cócteles incendiarios rexistrado nos xulgados de Betanzos. “As dependencias desde onde se imparte xustiza deben ser un lugar de resolución de conflitos, de convivencia e de pacificación. Non hai razón que xustifique a barbarie, o despropósito e o uso da violencia”, declarou.