Rede Europea de Consellos de Xustiza

SUMARIO:

1. Introdución: A creación da Rede Europea de Consellos de Xustiza

2. A Rede Europea de Consellos de Xustiza

3. Grupos de traballo da RECX

1. INTRODUCIÓN: A CREACIÓN DA REDE EUROPEA DE CONSELLOS DE XUSTIZA (RECX)

En novembro de 2002 os órganos de goberno do Poder Xudicial de tres Estados membros da Unión Europea: Consello da Xudicatura neerlandés (Raad voor de rechspraak), canda o Consello da Maxistratura belga (Conseil Superieur de la Justice) e o Servizo de Tribunais irlandés (Courts Service), dirixíronse aos seus homólogos europeos propondo a realización dunha conferencia de consellos do Poder Xudicial dos Estados membros da UE. O obxectivo para acadar na proposta inicial dos promotores do encontro era comezar a crear espazos de comunicación e intercambio de experiencias entre os distintos órganos de goberno e administración do Poder Xudicial, xa que ata ese momento non se crearan, na área da Unión Europea, iniciativas co obxectivo de crear espazos permanentes de encontro e reflexión entre os consellos da maxistratura europeos.

Tal proposta no referente ao CXPX foi aceptada e a primeira reunión levouse a cabo na Haia, entre os días 13 e 15 de novembro de 2003. Nela creouse un grupo de traballo informal constituínte, (embrión do actual "Comité Directivo"), que se encargou de ultimar un borrador de carta fundacional para presentalo nun plenario constitutivo que tería lugar en Roma os días 20 e 21 de maio.

Após diversos encontros deste grupo de traballo, celebrouse o Plenario en Roma os días 20 e 21 de maio de 2004 no que foron aprobados os Estatutos constitutivos da Rede Europea de Consellos De Xustiza (RECX)l, entre cuxos membros fundadores figura o Consello Xeral do Poder xudicial de España, o cal así mesmo foi inicialmente designado como integrante do chamado Comité Directivo (Steering Commitee), xunto aos Consellos dos Países Baixos, Bélxica, Irlanda, Italia, Francia e Polonia.

Desde o inicio da súa actividade, os órganos da Rede viñeron funcionando regularmente. Após a última reforma dos Estatutos, os órganos de goberno da RECX son: a Asemblea Xeral, que se reúne cunha periodicidade anual; o Comité Executivo (Executive Board), que se reúne unhas catro ou cinco veces ao ano; e o Presidente. A Asemblea Xeral correspondente ao ano 2005 levouse a cabo na sede da Escola Xudicial do Consello Xeral do Poder Xudicial en Barcelona entre os días 2 e 3 de xuño.

A última Asemblea Xeral realizouse na cidade de Varsovia (Polonia) entre os días 1 e 3 de xuño de 2016 e nela resultou elixida Presidenta a Vogal do CGPX Nuria Díaz Abad, quen exercerá o seu mandato por un período de dous anos (ata xuño de 2018). Na Asemblea Xeral de Varsovia resultaron elixidos membros do Comité Executivo da RECX, os Consellos do Poder Xudicial ou institucións similares dos seguintes Estados membros da Unión Europea: Francia, Irlanda, Italia, Países Baixos, Eslovenia, Romanía e Escocia. Alén diso, na devandita Asemblea Xeral aceptouse a solicitude dos dous Consellos Supremos Xudiciais de Grecia para se integrar na RECX como membros de pleno dereito.

En consecuencia, ao momento presente son membros de pleno dereito da RECX os Consellos do Poder Xudicial ou institucións similares dos seguintes Estados membros da Unión Europea: Bélxica, Bulgaria, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Grecia (Consello Xudicial Supremo da Xustiza Civil e Penal, e Consello Xudicial Supremo da Xustiza Administrativa), Hungría, Irlanda, Italia (Consello Superior da Maxistratura e Consello de Presidencia da Xustiza Administrativa), Letonia, Lituania, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido (Inglaterra e Gales, Irlanda do Norte e Escocia) e Romanía. Son observadores da RECX os Ministerios de Xustiza ou os Consellos do Poder Xudicial dos seguintes Estados da Unión Europea ou candidatos á adhesión á Unión Europea: Albania, Alemaña, Austria, Chipre, Chequia, Estonia, Finlandia, Luxemburgo, Macedonia, Montenegro, Noruega, Serbia, Suecia, Turquía, así como o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.    

2. A REDE EUROPEA DE CONSELLOS DE XUSTIZA

A constitución da Rede Europea de Consellos de Xustiza (RECX) sitúase dentro do obxectivo tendente á creación dun espazo europeo de liberdade, seguridade e xustiza.

Os seus obxectivos son a cooperación entre os seus membros nos seguintes ámbitos:

  • Análise das estruturas e competencias dos membros, así como o intercambio de información sobre estas estruturas e competencias.
  • Intercambio de experiencias en relación coa organización e o funcionamento do Poder Xudicial.
  • Cuestións relacionadas coa independencia do Poder Xudicial e outros temas de interese común.
  • Achega de coñecementos técnicos, e experiencias, e comunicación de propostas ás institucións da Unión Europea e doutras organizacións nacionais e internacionais.

3. GRUPOS DE TRABALLO DA RECX

A mecánica de funcionamento da rede consiste en crear unha serie de grupos de traballo encargados de elaborar documentos nos que se analizan as cuestións de máis relevante interese para os poderes xudiciais dos diversos Estados membros da Unión Europea, documentos que poden servir de referente no labor institucional e que son froito dunha reflexión conxunta dos seus integrantes. Estes resultados son validados polas Asembleas Xerais e os informes son postos a disposición do público na web da Rede Europea de Consellos do Poder Xudicial (https://www.encj.eu). Ademais, en cada Asemblea Xeral adóitase aprobar unha declaración institucional relacionada con algún dos temas tratados na correspondente Asemblea ou con algún tema de actualidade relevante para os poderes xudiciais dos Estados de Europa.