O TSXG pronúnciase por primeira vez de forma xenérica sobre a revisión de penas aos condenados por delitos sexuais

O alto tribunal galego entende que cabe a revisión, en aplicación da LO 10/2022 e por así permitilo os artigos 9.3 da Constitución e o 2.2 do Código Penal

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) abordou por primeira vez nunha sentenza a posible incidencia que a entrada en vigor da LO 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual pode ter sobre as penas impostas aos condenados. O tribunal concluíu que “cabe a revisión de condenas, por así permitilo os artigos 9.3 da Constitución e o 2.2 do Código penal”, pero puntualizou que debe realizarse “atendendo ás concretas circunstancias do caso e facendo unha ponderada análise de en que medida lle favorece ao reo a nova lexislación, con preferente atención á voluntas legis (vontade da lei), aplicando a disposición máis favorable considerada taxativamente e non polo exercicio do arbitrio xudicial e non atendendo á voluntas legislatoris (vontade do lexislador), pois este último non constitúe un criterio hermenéutico válido, como é ben coñecido”.

Os maxistrados explicaron que “é tal a vis atractiva (forza atractiva) con que o lexislador dotou a figura de agresións sexuais que fixo posible que certas condutas de carácter sexual que no Código penal de 1973 eran consideradas vexacións inxustas de carácter leve pasasen a ser consideradas como auténticas agresións sexuais”. Así, subliñaron que, por iso, resulta obrigado “ampliar os marcos penais para permitir aos xuíces e tribunais adaptar a penalidade específica á antixuridicidade e culpabilidade do caso”. O TSXG sinalou na sentenza que, “consciente diso”, o lexislador “modificou varios deses marcos penais, provocando a inevitable consecuencia de cominar con penas menores certos delitos antes cominados con penas maiores”.

“Cabería interpretar que eses marcos penais das agresións sexuais modificados á baixa terían no seu límite inferior a vocación de ser aplicados a aquelas condutas que antes eran constitutivas de abusos, pero esa interpretación traizoaría o espírito da propia lei, pois agora todo o que está nese primeiro capítulo do título VIII (e tamén no segundo, aplicable a menores de 16 anos) son agresións sexuais, só internamente distinguibles entre si polos seus modos comisivos, pero dunha común natureza xurídica”, subliñou o tribunal, á vez que recalcou que “ninguén nega, como non pode ser doutro xeito, que a Constitución e o Código penal autorizan a revisión de penas dunha maneira xeral cando a nova lei é máis beneficiosa para o reo”. Ademais, destacou que “cando o lexislador quixo que teña lugar un singularizado proceso de revisión de penas, fixou para ese efecto unha serie de disposicións na propia lei de reforma”, algo que lembrou que non sucedeu neste caso. “Non hai na LO 10/2022 disposición ningunha relativa á revisión de condenas. Daquela, ábrese un escenario de incerteza que non tivera lugar naqueloutras leis que produciron reducións de penas en abstracto”, sinalou a Sala.

Mantemento de condena

No caso concreto que analizou na decisión, o TSXG rexeitou rebaixarlle a condena de once anos e medio de cárcere imposta pola Audiencia Provincial da Coruña a un home residente nos Países Baixos, ao que considerou autor dun delito de captación e utilización de menores para elaborar material pornográfico infantil e doutro delito continuado de agresión sexual a menor de 16 anos, pois extorsionou durante meses unha nena de 13 anos, coa que contactou a través das redes sociais, para que lle enviase fotos e vídeos de contido sexual. Neste caso, o TSXG confirmou na súa integridade a sentenza de primeira instancia e, en canto á posible incidencia da LO 10/2022, decretou, en coincidencia co criterio do Ministerio Fiscal, que “non procede a revisión da condena, ao non ser a nova lei máis favorable, senón máis desfavorable para o reo”. Contra a resolución cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Rebaixa de pena

A Sala do Civil e Penal notificou outra sentenza na que rebaixou, de acordo co criterio do Ministerio Fiscal, a dez anos e medio de prisión a condena de once anos de cárcere imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a un home que abusou sexualmente da filla da súa parella en 2020, cando a menor tiña catro anos.

O TSXG, que aplica o criterio exposto no fallo no que se pronuncia por primeira vez de forma xenérica sobre a revisión de penas aos condenados por delitos sexuais, explica que na redacción actual do artigo 183. 1 e 4 do Código Penal (CP), a pena a impoñer é de seis a doce anos na súa metade superior, é dicir, a partir de nove anos. “A sala de instancia impuxo once anos, que era xustamente a metade da extensión superior na redacción anterior (de dez a doce anos), polo que, no presente caso, habemos de optar pola tese do Ministerio Fiscal, en canto que dez anos e seis meses de prisión é xustamente a pena que corresponde en razón á metade da pena correspondente na metade superior (de nove a doce anos)”, indican os maxistrados.