Un xulgado de Pontevedra condena a Ryanair a pagar 250 euros a un pasaxeiro ao que lle cancelou un voo por unha folga

O maxistrado explica que, en base á sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de 23 de marzo de 2021, esa folga “non pode exonerar á empresa de ningunha responsabilidade”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra condenou a Ryanair a abonar 250 euros a un pasaxeiro ao que lle cancelou un voo entre as cidades italianas de Brindisi e Bérgamo en xullo de 2018 debido a unha folga convocada polos tripulantes de cabina da aeroliña. O maxistrado explica na sentenza, contra a que non cabe interpoñer recurso, que unha folga de traballadores “non se dá espontaneamente e sen previo aviso, senón que é un evento cuxo previsible acaecemento xa se ven anunciando con certa antelación”. Por iso, en base á sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de 23 de marzo de 2021, esa folga “non pode exonerar á empresa de ningunha responsabilidade”.

Ryanair informou da cancelación ao demandante o mesmo día do voo. O xuíz explica que para non ter que pagarlle compensación, tería que cumprir co disposto no Regulamento 261/2004, que exixe que as aeroliñas que informen da cancelación con menos de sete días de antelación con respecto á hora de saída prevista, deben ofrecer aos pasaxeiros tomar outro voo que lles permita saír con non máis dunha hora de antelación con respecto á hora de saída prevista e chegar ao seu destino final con menos de dúas horas de retraso con respecto á hora de chegada inicial. Ryanair non o fixo, polo que deberá compensar ao demandante con 250 euros, que é a cantidade que establece o Regulamento 261/2004 para distancias de voo inferiores a 1.500 quilómetros.

O xuíz advirte de que, a partir de agora, neste tipo de casos, valorará a posibilidade de facer especial declaración de temeridade a efectos del pago de costas, pois recalca que xa se difundiu a sentenza ditada en marzo deste ano polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) respecto a esta cuestión.