O TSXG autoriza prorrogar a limitación nas reunións de persoas para reducir a interacción social

A Sala dá o seu visto e prace ás medidas propostas porque responden “a unha situación clara de incremento do virus e non teñen un impacto significativo no dereito de reunión”.

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala de Vacacións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou as medidas restritivas de dereitos fundamentais contidas na orde do 19 de agosto de 2021, que prorroga as que xa se recollían na orde do 21 de xullo, aprobadas no seu día polo tribunal, e xa prorrogadas por orde do 4 de agosto. O seu obxectivo, ao limitar as agrupacións de persoas para reducir a interacción social, é facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19 en Galicia e teñen vixencia ata o 4 de setembro.

A Sala dá o seu visto e prace ás medidas propostas porque responden “a unha situación clara de incremento do virus e non teñen un impacto significativo no dereito de reunión, máis necesitado de control no horario nocturno, frecuentado en maior medida pola mocidade, máis proclives ao contacto social, polo que se cumpren as esixencias de ser medidas idóneas, necesarias e proporcionadas”.

Desta forma, permítese a reunión de ata seis persoas en espazos pechados e de dez en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de conviventes, ou agás que os encontros se produzan exclusivamente entre persoas de dúas unidades de convivencia diferentes.

Con todo, nos concellos con nivel de restrición máximo e alto, entre a 1 e as 6 horas, a permanencia de grupos de persoas en espazos pechados e en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, quedará limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.

Así mesmo, respecto do resto dos concellos da Comunidade Autónoma, a permanencia de grupos de persoas en espazos pechados e en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, quedará limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes entre as 3 e as 6 da madrugada, coa finalidade de reducir a interacción social e redución do lecer nocturno non regulado.

Nestes momentos, en nivel alto de restricións en Galicia están os concellos de Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Cabanas, A Coruña, Arteixo, Betanzos, Cee, Miño, Sada, Pontedeume, Meis, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo, Bueu, O Grove, Arbo, As Neves, Nigrán e O Barco de Valdeorras.