O TSXG considera procedente o despedimento dun condutor de autobús escolar da Coruña por comunicarse con menores por wasap “de maneira innecesaria e impropia”

Revoga a resolución do Xulgado do Social número 6 da Coruña na que ordenaba á empresa readmitir ao demandante ou abonarlle unha indemnización de 32.000 euros por despedimento

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera procedente o despedimento dun condutor de autobús dunha ruta escolar da Coruña que se comunicou “de maneira innecesaria e impropia”, a través de wasap ou por teléfono, con algunhas das menores, de entre 13 e 15 anos, que utilizaban o servizo. Os maxistrados entenden que a actuación da empresa é lexítima, axustada a dereito e proporcional, debido á “concorrencia de culpabilidade e gravidade suficiente” dos feitos. O tribunal considera que a conduta do traballador “denota transgresión da boa fe contractual” e xustifica a perda de confianza da empresa, “tendo en conta o seu comportamento (inaceptable, tanto xurídica como eticamente) con varias persoas menores de idade”. Ademais, a Sala advirte de que, neste caso, se debe ter en conta “o necesario coidado e atención, así como a especial protección, que merecen os menores de idade fronte a inaceptables mostras de confianza por persoas alleas ao seu círculo máis íntimo, persoal e familiar”. 

Os maxistrados relatan na sentenza que o demandante, que traballaba desde 2006 para a empresa e foi despedido en 2020, a pesar de que os condutores do servizo de transporte escolar “non teñen os teléfonos dos usuarios ou dos seus pais (nin a necesidade de procuralos)”, se comunicou con varias desas nenas mediante mensaxes de wasap. Na resolución destacan que utilizou “expresións absolutamente inapropiadas” e que chegou, mesmo, “a chamalas aos seus domicilios particulares”. A Sala recalca que, ao seu xuízo, ese comportamento “constitúe un incumprimento grave e culpable dos deberes laborais e unha inaceptable transgresión da boa fe do actor, vulnerando así a necesaria confianza ética e profesional que debe existir entre a empresa e os seus traballadores, que nesta ocasión alcanza especial relevancia á vista das persoas alleas á empresa involucradas”. 

Os xuíces insisten en que a actuación do traballador acredita “de maneira manifesta” a quebra da necesaria confianza ética que debe rexer as relacións de traballo, pois aseguran que os deberes de conduta que dan sustento a esa confianza poden, en ocasións, “resultar alleos á prestación laboral contratada”, pero o seu incumprimento “evidencia o insostible de continuar a prestación laboral”. Ademais, aseguran que “non é aceptable que unha compañía de transporte escolar manteña entre os seus condutores a unha persoa que chega a tal grao de confianza con persoas menores, que esixen un nivel de protección e confianza adecuada á súa idade”. 

O TSXG tamén advirte que a actuación do condutor, “social e moralmente reprochable”, podería chegar “a supoñer a implicación da empresa”, á vez que destaca que o traballador “aproveitou a súa posición na compañía para levar a efecto un achegamento persoal a menores de idade, mediante un comportamento irregular e, aínda que non sancionable penalmente, si laboral e socialmente reprensible”. 

A sentenza do alto tribunal galego revoga a resolución do Xulgado do Social número 6 da Coruña na que ordenaba á empresa readmitir ao demandante ou abonarlle unha indemnización de 32.000 euros por despedimento. A Sala si coincide coa maxistrada de primeira instancia ao descartar que a compañía ou a xefa de persoal lesionasen o dereito á honra do condutor. Aínda que considera acreditado que a empregada, lle dixo, en presenza de dous representantes dos traballadores, que para ela era “un depredador sexual de libro”, asegura que as expresións proferidas “se deben contextualizar no momento en que se mantivo a conversación”, que foi “inmediatamente despois de recibir a denuncia dunha traballadora da empresa” relacionada coa súa actitude fronte a menores. “Se se teñen en conta estas circunstancias, non se pode resolver que con esas soas expresións se atacara a dignidade do traballador, provocándolle uns danos e prexuízos que cifra en 6.000 euros”, conclúe o TSXG na sentenza, contra a que cabe presentar recurso.