A Audiencia da Coruña impide retirar á familia Franco a maioría dos bens que reclama do pazo de Meirás

O tribunal entende que todas as pezas exteriores e a maioría das interiores teñen natureza de bens inmobles porque foron colocadas alí con vontade de permanencia. Dos elementos discutidos, os maxistrados só permiten levar ao recorrentes cinco: as alfombras de corredor, os anxelotes, unha virxe, dúas lámpadas e uns apliques de parede

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Audiencia Provincial da Coruña confirmou que a gran maioría dos bens reclamados pola familia Franco que se sitúan no exterior e interior do pazo de Meirás forman parte ou pertencen ao inmoble e, polo tanto, non poden ser retirados. As únicas pezas do inventario elaborado en 2020 polos técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que os recorrentes poderán levar do pazo son os anxelotes de bronce da capela, unha virxe, unha lámpada situada sobre a pilastra da escaleira e uns apliques de parede metálicos, as cales se suman ás alfombras de corredor, cuxa retirada xa permitira o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña nun auto recorrido pola familia Franco ante a Audiencia. 

O alto tribunal provincial, polo tanto, confirmou en parte a resolución do órgano de primeira instancia e determinou, nun auto contra o que non cabe presentar recurso, que elementos forman parte do pazo e non se poderán retirar. Desta forma, acolleu parcialmente a cuestión incidental exposta pola Administración Xeral do Estado, á que se adheriron a Xunta e os concellos da Coruña e Sada, e decretou que practicamente todos os bens reclamados pola familia Franco permanezan no inmoble. Do mesmo xeito que o xulgado de primeira instancia, os maxistrados determinaron que os bens sobre os que existe discusión, fóra dos que lle permitiu retirar, adquiriron a condición e natureza de inmobles por incorporación, por destino ou por ambos. 

Así, conclúen que todos os existentes no exterior do pazo teñen natureza de bens inmobles por destino, pois salientan que “o xardín do pazo de Meirás sería un simple xardín” sen eses elementos mobles, “perdendo a súa propia idiosincrasia e contido”. O tribunal destaca que “non consta que tales bens se introducisen no pazo con posterioridade á morte de Francisco Franco”, á vez que indica que “moitos deles estaban en vida de Emilia Pardo Bazán”. Ademais, destaca que un historiador manifestou durante a proba testifical practicada que “a maioría dos devanditos elementos xa estaban no pazo en 1938 e practicamente todos o estaban no ano 1975”. 

A maior parte dos elementos interiores discutidos atópanse no altar maior da capela. A Audiencia recalca que é “impensable un retablo sen imaxes, cando ademais está historicamente acreditado que o mesmo é do século XVII ou principios do XVIII, colocado en tempos da Condesa de Pardo Bazán”. Dos elementos que a familia Franco reclama do interior do pazo de Meirás, a Audiencia permitiulle retirar os cinco mencionados. O auto, ditado na fase de execución da resolución xudicial de 2020 que declarou que o inmoble é propiedade do Estado, é firme, pois contra el non cabe presentar recurso.