O Supremo confirma a sentenza da Audiencia da Coruña que impide a un despacho de avogados cobrar 300.000 euros a dúas asociacións de transporte de Galicia

O tribunal considera “desproporcionada” a facturación de 300 euros por cada hora de traballo dos profesionais dese despacho de avogados

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Supremo inadmitiu o recurso de casación presentado por un despacho de avogados da Coruña contra a sentenza da sección terceira da Audiencia Provincial na que rebaixa a 19.575 euros a minuta de 300.000 que pretendía cobrar á Federación Galega de Servizos de Transporte de Autobús (Fegabus) e á Federación Galega de Transporte de Viaxeiros (Fegatravi). As dúas entidades acudiron ao despacho de avogados para que lles prestasen asesoramento xurídico relacionado coa incidencia dunha sentenza do Tribunal Supremo que afectaba os prazos e prórrogas das concesións de transportes de viaxeiros de Galicia. A Audiencia Provincial indica na súa sentenza, confirmada agora polo Supremo, que chama “a atención” que non se advertise previamente aos clientes “do importante custo que terían que asumir, aínda que fose de forma aproximada ou orientativa”.

O tribunal considera “desproporcionada” a facturación de 300 euros por cada hora de traballo dos profesionais dese despacho de avogados. “Máis propiamente, habería que afirmar que se están manexando cifras que non se acomodan aos usos e prácticas da avogacía na cidade da Coruña, e podería dicirse que en toda a comunidade autónoma galega”, salienta a Audiencia, á vez que indica que cando non se determinaron previamente os honorarios profesionais do avogado, son pautas a ter en conta para a súa fixación “tanto o costume e uso do lugar, como a ponderación mediante un criterio de prudencia e equidade”.

“Non é habitual en Galicia que os avogados minuten por unidade de tempo. E, desde logo, a cifra pretendida é insólita. Cifras como 3.600 euros por manter tres reunións de traballo (aínda que unha sexa en festivo) ou 3.000 euros por contestar correos electrónicos, nunca se viron”, apunta o tribunal da Audiencia Provincial, quen subliña que “non se trataba dun traballo de avogado, non se ía a interpoñer un recurso contencioso-administrativo, era unha cuestión política, de convencer á Administración”.

Os maxistrados entenden que as cifras que se manexan están “fóra de lugar”, máxime cando se pretenden cobrar “sorpresivamente, sen ningún tipo de advertencia previa ao cliente”. Así, consideran “evidente” que se chegan a informar do custo dos seus servizos, “non os contratarían, se irían a outro despacho.