A Audiencia inhabilita durante dez anos a unha exconcelleira do BNG que en 2017 impediu unha moción de censura en Fene

O tribunal, que a considerou responsable dun delito de prevaricación administrativa

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña inhabilitou durante dez anos para emprego ou cargo público á exconcelleira do BNG no Concello de Fene que en 2017 decidiu suspender un pleno no que se ía a debater unha moción de censura do PP e Somos Fene contra o Goberno local do BNG. O tribunal, que a considerou responsable dun delito de prevaricación administrativa, relata na sentenza que a acusada, na súa condición de concelleira de maior idade, presidía o pleno do  Concello e, a pesar de ser informada pola Secretaria de que se estaban cumprindo os requisitos legais e de ter coñecemento de que había resolucións xudiciais que avalaban a súa celebración, decidiu, “de maneira unilateral e abusando da súa posición, sen contar co criterio da outra concelleira integrante da mesa”, que a moción deixara de reunir os requisitos legais e suspendeu o pleno, evitando o debate e a moción de censura. 

Os maxistrados indican que a decisión que adoptou “non pode ser explicada cunha argumentación técnico-xurídica minimamente razoable”, á vez que advirten que é “evidente” que non pode prevalecer un escrito dun partido municipal cando se ditaron varias resolucións xudiciais que pretendía contravir. Así, conclúen que a resolución foi ditada “coa finalidade de facer efectiva a súa particular vontade e co coñecemento de actuar en contra do dereito”. 

Tanto a proba a documental como as declaracións da acusada e das testemuñas avalan, segundo a sentenza, que “non estamos ante unha mera irregularidade, senón ante unha actuación  dolosa, realizada con plena conciencia e vontade de alterar o procedemento electoral”. A procesada, segundo salienta o tribunal, impediu a celebración de pleno “en beneficio do integrante do seu mesmo grupo municipal e con evidente prexuízo para os demais concelleiros que asinaran esa moción”. Os xuíces aseguran na resolución que a ilegalidade cometida pola entón concelleira é “clara e patente”.