Un xulgado de Pontevedra avala a inmobilización dun patinete eléctrico sen permiso de circulación porque pode superar os 25 km/h

Na sentenza, a magistrada estima que o vehículo que usaba no momento da denuncia “alcanzaba e era hábil para superar os 25 km/h”, que é “o que conta para os efectos da tipicidade da conduta”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra rexeitou o recurso interposto polo dono dun patinete eléctrico contra a resolución da Xunta de Goberno Local do Concello de Vilagarcía de Arousa do 13 de outubro de 2021 na que acordou a súa inmobilización por entender que se trata dun ciclomotor que necesita permiso de circulación, matrícula e certificado de seguro obrigatorio. Desta forma, a maxistrada decretou que o recorrente deberá abonar as taxas correspondentes -77 euros- para retirar o patinete eléctrico dos depósitos municipais. Na sentenza, estima que o vehículo que usaba no momento da denuncia “alcanzaba e era hábil para superar os 25 km/h”, que é “o que conta para os efectos da tipicidade da conduta”. 

Así, a xuíza asegura que no prego das características técnicas se observa que a velocidade é de 45 km/h, aínda que autolimitado a 25 km/h. “Á súa vez, hai que precisar respecto do tipo infractor que nos ocupa que, para a súa constatación, resulta indiferente coñecer a velocidade exacta á que circulaba o dispositivo, ou a máxima que poida alcanzar, sendo suficiente probar que se excederon ou que se acha en disposición de circular a velocidades superiores a 25 km/h”, recalca a maxistrada no fallo, no que incide en que o tipo infractor “consiste en conducir un vehículo carecendo da necesaria autorización administrativa e non facelo a unha determinada velocidade”. 

Por iso, conclúe que o patinete empregado polo demandante, debido á velocidade que pode alcanzar, non está comprendido nos vehículos definidos como VMP, os cales están exentos da autorización administrativa para a circulación. “Tras o estudo e análise da normativa de aplicación, o Regulamento (UE) número 168/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xaneiro de 2013, e o propio regulamento interno de vehículos, chegamos á conclusión de que o factor da velocidade é determinante para a distinción do vehículo como VMP”, afirma a titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra. A sentenza é firme, pois contra ela non cabe presentar recurso.