O TSXG alerta da “situación inxusta” que sofren as persoas enfermas de lupus nunha sentenza na que aumenta o grao de discapacidade dunha doente

Os maxistrados aseguran que o feito de que a enfermidade, que afecta máis a mulleres, non estea recoñecida como causante de discapacidade tamén provoca unha discriminación sexista

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) alerta nunha sentenza da “situación inxusta” que sofren as persoas enfermas de lupus ao non estar recoñecida como doenza causante de discapacidade. Os maxistrados, ademais, salientan que ese descoñecemento das consecuencias do lupus “se torna se cabe máis inxusto se consideramos que é unha enfermidade fortemente feminizada”, é dicir, que a sofren maioritariamente mulleres. Por iso, acolleron o recurso dunha doente e aumentaron o seu grao de discapacidade dun 24 %, que foi o recoñecido pola Xunta, a un 50 %. 

Para decretar ese incremento, a Sala do Social tivo en conta unha valoración da sintomatoloxía causada pola enfermidade nos distintos sistemas corporais afectados -osteoarticular, xenitourinario, dermatolóxico e circulatorio-, non só no inmunolóxico, que era o único que fora valorado pola Xunta, de acordo ao criterio do Equipo de Valoración e Orientación. O tribunal explica que o equipo soluciona “a lagoa regulamentaria” existente dándolle unha puntuación á doente no sistema máis afectado, que neste caso é o inmunolóxico. Con todo, indican que “non valorou a afectación dos demais sistemas afectados”, polo que acolleron o recurso interposto pola prexudicada contra a sentenza do Xulgado do Social número 1 de Ourense, que avalara o criterio do Goberno galego. 

Os maxistrados destacan na resolución que o feito de que o lupus eritematoso sistémico non estea incluído como enfermidade causante de discapacidade no Real Decreto que regula o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade supón “descoñecer a realidade dunha enfermidade que, cando alcanza determinada gravidade, incide profundamente na capacidade das persoas”, dando lugar a un “inxusto prexuízo para as persoas con discapacidade, en contra do previsto no artigo 49 da Constitución Española e na Convención de Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, ratificada por España”.  Ademais, salientan que, ao ser unha enfermidade feminizada se produce, adicionalmente, “unha vulneración do artigo 14 da Constitución Española, ao atoparnos ante unha situación de discriminación indirecta no sentido expresado na Lei Orgánica 3/2007 para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes”. 

Os xuíces tamén indican na sentenza que esa “situación inxusta para as persoas con discapacidade e discriminatoria sexista” se debería “corrixir cunha intervención normativa que, atendendo ás especificacións propias da enfermidade, permitise a maior precisión na cuantificación da porcentaxe de discapacidade". Con todo, entenden que ata que “os poderes normadores estatais non acometan a necesaria reforma do anexo regulamentario”, é responsabilidade do Poder Xudicial “evitar a situación inxusta e discriminatoria, aplicando un enfoque de dereitos humanos acorde cos principios inspiradores da normativa sobre discapacidade e atendendo tamén á integración da perspectiva de xénero na aplicación e interpretación das normas xurídicas”. Contra a sentenza cabe interpoñer recurso de casación.