O Xulgado suspende as actuacións sobre o pazo de Meirás ata resolver se o mobiliario debe considerarse parte do predio

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña tramitará as tres cuestións incidentais de xeito conxunto e resolveraas ao mesmo tempo

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña suspendeu as actuacións relativas ao pazo de Meirás ata resolver se o mobiliario forma parte do inmoble e dos predios incluídos no recinto que a familia Franco debe devolverlle ao Estado, tal e como decretou o xulgado de primeira instancia nunha sentenza confirmada pola Audiencia Provincial da Coruña e contra a que cabe presentar recurso. Nesa resolución en que se declarou que o pazo é propiedade do Estado “non se condena os demandados a entregar os mobles existentes nas distintas dependencias ao Estado”, polo que, tal e como determinou a Audiencia Provincial, correspóndelles ás administracións públicas “promover o correspondente incidente de execución para discutir e resolver sobre cal é a extensión da sentenza que se executa”.

Por iso, a Administración Xeral do Estado presentou un incidente de execución no cal demanda a “necesaria conservación do inventario” aprobado no seu día polo xulgado, así como unha segunda cuestión incidental en que solicita a “delimitación dos bens integrantes e pertenzas” do pazo tendo en conta o artigo 334 do Código civil, onde se definen os bens inmobles. Pola súa banda, o Concello de Sada reclama que se inclúa, para os efectos de execución de sentenza, o mobiliario como parte do pazo de Meirás. O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña tramitará as tres cuestións incidentais de xeito conxunto e resolveraas ao mesmo tempo.

Contra a providencia ditada hoxe cabe presentar recurso de reposición no prazo de cinco días.