Un xulgado de Pontevedra condena a PSA a indemnizar a unha afectada polo cártel do coche nunha sentenza pioneira na provincia

O maxistrado fixou a indemnización no 10 % dos 12.845 euros que a demandante abonou polo turismo

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra condenou a PSAG Automóviles Comercial España S.A. (PSA) a indemnizar á compradora dun vehículo con 1.284 euros -xunto co interese legal computado desde abril de 2008, data da compra- polos danos que lle xerou ao formar parte do denominado cártel do coche entre 2006 e 2013. O maxistrado fixou a indemnización no 10 % dos 12.845 euros que a demandante abonou polo turismo. 

O xuíz salienta na sentenza que da resolución da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e das sentenzas do Tribunal Supremo que a confirman resulta irrefutable que “as condutas infractoras da competencia en que PSA tomou parte influíron no prezo final de venda de automóbiles”, así como que esa influencia “beneficiou aos infractores, entre eles PSA, e prexudicou aos compradores de automóbiles, prexuízo que, nestas circunstancias, se tivo que traducir necesariamente no pago dun prezo superior ao que correspondería en caso de non existir a infracción”.  

Por iso, incide en que “queda suficientemente acreditada a produción de danos aos compradores finais de automóbiles; danos traducidos, necesariamente, no pago dun sobrecusto á hora de realizar a compra”. Na sentenza, o xuíz destaca que, constatada a produción de danos derivados das prácticas infractoras do dereito da competencia, a cuestión máis complexa é a da cuantificación deses danos, pois conclúe que non é posible facelo en base ás probas que puideron achegar as partes. Por iso, o maxistrado entende que resulta aplicable o criterio de estimación xudicial do dano, polo que determina un prexuízo razoable equivalente ao 10 % do prezo total de adquisición dos coches. 

“Trátase dunha cifra ou porcentaxe que, por unha banda, semella adaptada ás circunstancias do caso, especialmente no que se refire ao ámbito temporal do cártel no que participou a demandada (sete anos), e a que os datos obxectivos achegados pola demandante apuntan a unha desviación do prezo final dos automóbiles ao redor desa porcentaxe, se se compara o mercado cartelizado español co non cartelizado doutros países europeos”, afirma o maxistrado no fallo, no que sinala que esa porcentaxe “tamén concorda co que os máis destacados estudos sobre cárteles viñeron considerado como sobreprezo medio”. 

O xuíz, polo tanto, acolleu parcialmente a demanda da compradora, que adquiriu o turismo marca Peugeot o 16 de abril de 2008, contra PSA, mediante a cal pretendía que lle abonase 1.566 euros. Na resolución, o maxistrado tamén se pronuncia sobre o prazo de prescrición. Así, asegura que neste litixio non debe fixarse nun ano, como establece o artigo 1968 do Código Civil, senón nos cinco anos que determina o artigo 74.1 da Lei de Defensa da Competencia. “En calquera caso, ao non poder entender iniciado aínda ese prazo de prescrición ou, todo o máis, iniciado o 20 de abril de 2021 -data da sentenza que rexeitou definitivamente o recurso tentado por PSA contra a resolución da CNMV- como moi pronto, a acción aquí exercitada non pode ser considerada prescrita”, recalca. A sentenza non é firme, pois pode ser recorrida ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.