O TSXG propón reforzar con máis persoal os xulgados de violencia sobre a muller das sete cidades

No plan global de reforzo insístese na necesidade de que estes xulgados estean dotados de persoal “idóneo para a materia da súa competencia”, debido á súa “sensibilidade”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) propón reforzar, dentro do Plan de Actuación COVID-19, os xulgados con competencia en materia de violencia sobre a muller das sete grandes cidades da comunidade. 

En canto aos membros da carreira xudicial, a Sala de Goberno demanda manter o reforzo do Xulgado de Violencia sobre a Muller da Coruña, que consiste na adscrición dun xuíz de adscrición territorial (JAT). Acordou así mesmo que se valore a adscrición dun xuíz/a de reforzo no Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela, “polo menos durante un período de tempo de seis meses prorrogables por outro período equivalente, en función da carga de traballo do órgano e a existencia de determinados asuntos de carácter complexo ou cun elevado número de partes”. 

O TSXG tamén propón que se reforce o persoal que presta os seus servizos nestes órganos. Ademais de solicitar que se manteña o persoal interino de reforzo existente na actualidade, a Sala de Goberno solicita á Xunta que aumente o cadro de persoal e que se establezan “de forma permanente” prolongacións de xornada dun número suficiente de funcionarios para que realicen labores de apoio directo ao maxistrado/a para a atención de asuntos urxentes fóra do horario de audiencia. 

No plan global de reforzo elaborado polo TSXG insístese na necesidade de que estes xulgados estean dotados de persoal “idóneo para a materia da súa competencia”, debido á súa “sensibilidade”. Lembra ademais que nos días laborables se atopan “nun permanente servizo de garda”, o que provoca case a diario que a "xornada laboral do persoal que traballa nestes órganos se estenda fóra do horario de audiencia”.