O TSXG rexeita a indemnización solicitada polos donos dun edificio protexido do Cantón Pequeno da Coruña por perda de edificabilidade

O TSXG rexeitou o recurso presentado polos donos do inmoble contra a sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 4 da Coruña, a cal lles denegou a indemnización que solicitaban

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou que o Concello da Coruña deba indemnizar á comunidade de propietarios dun inmoble do Cantón Pequeno pola perda de edificabilidade e de volume construíbles como consecuencia da súa catalogación cun nivel 2 de protección integral no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) da Cidade Vella e Pescadería de 2015. A comunidade reclamaba á administración municipal 2.172.753 euros por existencia de vinculación singular do edificio, que no PEPRI de 1998 estaba catalogado cun nivel 3 de protección estrutural. 

O TSXG rexeitou o recurso presentado polos donos do inmoble contra a sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 4 da Coruña, a cal lles denegou a indemnización que solicitaban. Os maxistrados do alto tribunal galego salientan na resolución que as determinacións que o PEPRI de 2015 estableceu para o inmoble “non se poden considerar unha vinculación ou limitación singular con restrición do aproveitamento urbanístico”. Así, entenden que se trata “de determinacións xerais que lles impuxeron limitacións e deberes propios da ordenación urbanística á práctica totalidade dos inmobles do seu contorno”. 

No fallo, a sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG indica que, aínda que, ao amparo do PEPRI de 1998, “os titulares doutros inmobles si que edificaron máis alturas conforme lles permitía o mesmo”, a comunidade de propietarios recorrente “non o fixo”, pois “non consta solicitada licenza algunha”. O tribunal recalca que se trata “dun edificio que data do ano 1915, e nunca, tampouco baixo a vixencia do anterior plan, se elevou a construción, materializando o aproveitamento urbanístico que permitía o anterior PEPRI”. Desta maneira, segundo os xuíces, “nos demais inmobles si se materializaron eses aproveitamentos urbanísticos, quedando co novo PEPRI de 2015 en situación de fóra de ordenación parcial, na medida que excedan as alturas máximas permitidas polo mesmo”. 

“En conclusión, a parte apelante nin patrimonializou os aproveitamentos urbanísticos, nin soportou vinculación nin limitación singular no referente á altura nin ao nivel de catalogación do edificio, polo que non se pode considerar que se establecera unha vinculación ou limitación singular con restrición do aproveitamento urbanístico, senón que se trata de determinacións xerais que lles impuxeron limitacións e deberes propios da ordenación urbanística aos inmobles do mesma contorna”, sinalan os maxistrados, os cales, do mesmo xeito que o xulgado de primeira instancia, rexeitan que a comunidade de propietarios teña dereito a ser indemnizada polo Concello. Contra a sentenza cabe presentar recurso de casación.