Os lanzamentos por falta de pagamento de alugueiros e hipotecas descenden un 20 % no terceiro trimestre

As execucións hipotecarias aumentaron un 68,1 % con respecto ao mesmo período de 2019. A crise da COVID-19 provocou que os concursos de persoas físicas aumentasen un 64 % e que as demandas por despedimento subisen un 17,8 %. Os xulgados rexistraron 73 demandas por ocupación ilegal de vivendas entre xaneiro e setembro, o que supón un descenso interanual do 26,2 %

Autor
Comunicación Poder Judicial

Os xulgados galegos practicaron no terceiro trimestre do ano 356 lanzamentos, un 20 % menos que en 2019, cando executaron 445; deles, 293, o 82,3 %, foron consecuencia de procedementos derivados da Lei de arrendamentos urbanos (LAU), é dicir, por falta de pagamento do alugueiro. Outros 51 corresponderon a execucións hipotecarias; e os 12 restantes, derivaron doutras causas. No conxunto do Estado, os lanzamentos baixaron un 30,2 %, segundo se desprende do informe ‘Efectos da crise económica nos órganos xudiciais’, feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

O número de execucións hipotecarias iniciadas en Galicia no terceiro trimestre do ano aumentou un 68,1 % con respecto a 2019. Entre xullo e setembro de 2020 presentáronse 232 procedementos que permiten esixir o pago das débedas garantidas por peza ou hipoteca ao acredor, fronte ás 138 do ano anterior. No Estado presentáronse 5.299, o que supón un incremento interanual do 52,7 %.

O estudo tamén reflicte que entre o 1 de xullo e o 30 de setembro deste ano os xulgados galegos ingresaron 22 demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos en que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social, fronte ás 34 do terceiro trimestre de 2019. Deste tipo de demandas resolvéronse 31 e quedaron en trámite 55. En total, nos nove primeiros meses de 2019, entre xaneiro e setembro, os xulgados galegos rexistraron 73 demandas por ocupación ilegal de vivendas, fronte ás 99 dos mesmos meses do ano anterior, o que supón un descenso interanual do 26,2 %.

O informe presentado hoxe tamén inclúe datos dos concursos presentados nos xulgados do mercantil. Dos 70 rexistrados no terceiro trimestre de 2019, pasouse a 78 este ano, o que supón unha subida do 11,4 %. Con respecto aos concursos das persoas naturais non-empresarias, que desde a modificación da Lei orgánica do poder xudicial, que entrou en vigor o 1 de outubro de 2015, corresponden aos xulgados de primeira instancia e instrución, presentáronse en Galicia, entre xullo e setembro, 82 casos, fronte aos 50 do mesmo período do ano pasado (un 64 % máis).

As cifras indican que os concursos foron un dos procedementos máis afectados pola crise sanitaria da COVID-19. Hai que ter en conta que no segundo trimestre do ano suspendeuse a paralización dos prazos procesuais, o que provocou un aumento de actividade nos órganos xudiciais galegos no período estudado.

En canto aos expedientes do artigo 64 da Lei concursal, relativos á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo (Es), na comunidade galega contabilizáronse no terceiro trimestre do ano seis, un 33,3 % menos que en 2019, cando se rexistraron nove.

Nos xulgados do social, segundo o informe da Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, interpuxéronse 1.706 demandas por despedimento, o que supón un aumento interanual do 17,8 %, pois o ano pasado rexistráronse 1.448. Ademais, os xulgados do social rexistraron 2.414 demandas por reclamacións de cantidade, un 24,2 % máis que as presentadas no terceiro trimestre de 2019.

O estudo, ademais, reflicte un incremento dos procedementos monitorios presentados no terceiro trimestre do ano nos xulgados de primeira instancia e de primeira instancia e instrución. En Galicia interpuxéronse 8.920, fronte aos 7.596 do ano pasado, o que supón unha subida interanual do 17,4 %. O procedemento monitorio serve para reclamar débedas dinerarias líquidas, determinadas, vencidas e esixibles, e inclúe as cantidades debidas en concepto de gastos de comunidades de propietarios.

Para máis información:

http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Estudios-e-Informes/Informes-por-territorios-sobre-la-actividad-de-los-organos-judiciales/