O TSXG recoñece o dereito dunha empregada do fogar a cobrar o paro a pesar de solicitalo cando a lexislación non o permitía

A sentenza do alto tribunal galego, pioneira en España, aplica a perspectiva de xénero e a normativa da Unión Europea

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu unha sentenza pioneira en España na que declarou o dereito dunha empregada do fogar a percibir as prestacións de desemprego contributivo antes da entrada en vigor do Real Decreto Lei 16/2022 para a mellora das condicións de traballo e de Seguridade Social das persoas traballadoras ao servizo do fogar. O alto tribunal galego entendeu que a demandante ten dereito ás prestacións, a pesar de que a lexislación vixente no momento da solicitude non o permitía, por aplicación da perspectiva de xénero e da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que provocou o cambio normativo en España.  

Os maxistrados explicaron na resolución que a normativa española que excluía ás persoas empregadas do fogar do acceso ao subsidio de desemprego -vixente no momento dos feitos- era “contraria á normativa comunitaria”. Na resolución, lembraron que a muller, afiliada ao Sistema Especial para Empregados do Fogar ata o 4 de agosto de 2022, había cotizado 2.361 días neste réxime e 2 días ao Réxime Xeral da Seguridade Social. Ao solicitar o seu subsidio de desemprego, denegáronllo porque non estaba previsto para as persoas empregadas do fogar, pois a Real Decreto Lei 16/2022 entrou en vigor o 9 de setembro de 2022. 

A Sala do Social incidiu en que o colectivo ao que pertence a demandante está “fortemente feminizado, pois as mulleres representan o 95,53 % do total”. O TSXG destacou que o novo réxime, aprobado no Real Decreto Lei 16/2022, resolve esa discriminación para as prestacións producidas a partir da súa entrada en vigor, “deixando na mesma –e idéntica- situación anterior ás eventuais prestacións causadas con anterioridade”. Ademais, recalcou que a perspectiva de xénero na interpretación da normativa e a obriga dimanada da xurisprudencia do TJUE “obrigan a amparar ás persoas traballadoras integradas nese sistema especial cando a perda do seu emprego se producise con anterioridade ao novo réxime e estivesen desprotexidas”. Todo iso, segundo a sentenza, leva aos xuíces do TSXG a recoñecer o dereito da afectada á prestación de desemprego, “a pesar de que non cotizou por ela -debido á imposibilidade legal, discriminatoria-”. 

“É preciso ter en conta, dunha parte, que a normativa española que excluía a cotización (e o desemprego) para as persoas traballadoras integradas no Sistema Especial para Empregados do Fogar é contraria ao dereito comunitario por discriminatorio, e que dita situación non se solucionou coa reforma operada polo Real Decreto Lei 16/22 porque non resolve o problema dos posibles beneficiarios anteriores, senón soamente dos feitos causantes posteriores á súa entrada en vigor”, incidiu o TSXG, á vez que indicou que, doutra parte, “a interpretación da normativa debe producirse na forma máis favorable ao colectivo discriminado (o das persoas integradas nese sistema especial), con perspectiva de xénero, porque é indiscutible o sesgo feminino dos seus integrantes na súa case totalidade; e, ademais, na aplicación e interpretación das normas os xulgadores temos unha obriga de facelo con perspectiva de xénero,  ao integrar un valor superior do ordenamento xurídico”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe interpoñer recurso de casación.