A Audiencia da Coruña condena a 12 anos e medio de cárcere á condutora que causou o accidente no que faleceron dous mozos en Palmeira

Ademais da pena de cárcere, a Audiencia privouna durante oito anos do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores, o cal comporta a perda do permiso que habilita para a condución

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo con o veredicto do tribunal do xurado, condenou 12 anos e medio de cárcere á condutora que causou un accidente mortal en Ribeira no que faleceron, en maio de 2019, dous mozos. A acusada foi considerada culpable de dous delitos de homicidio doloso, en concurso cun delito contra a seguridade viaria. Ademais da pena de cárcere, a Audiencia privouna durante oito anos do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores, o cal comporta a perda do permiso que habilita para a condución. 

Na sentenza, que non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG, o maxistrado presidente indica que o tribunal do xurado considerou probado que sobre as 18.35 horas do 5 de maio de 2019 a acusada conducía pola estrada AC-305, que une Padrón e Ribeira, cando á altura de Palmeira, ao tomar unha curva á dereita, invadiu o carril de sentido de circulación contrario e chocou de fronte contra outro coche no que viaxaban un home e unha muller, os cales faleceron como consecuencia do impacto. 

Os membros do xurado entenderon acreditado que a acusada circulaba a unha velocidade duns 130 km/h, cando o límite de velocidade establecido era de 70 km/h, e baixo os efectos do alcol e de fármacos antidepresivos e antipsicóticos. “A combinación da inxesta destes fármacos coa de alcol determinou que as súas facultades para conducir estivesen intensamente afectadas”, segundo o tribunal do xurado. Ademais, a Audiencia indica na sentenza que antes do accidente xa circulaba “de forma perigosa para os demais usuarios da vía, a velocidade superior á permitida e invadindo parcialmente en ocasións o sentido contrario, obrigando a outros vehículos a apartarse ou separarse do seu camiño para evitar o risco de colisión”. 

Os membros do xurado entenderon que actuaba así “porque lle resultaba indiferente se desta forma causaba un accidente e lesionaba ou mataba a outros” e aseguraron que “sabía que era moi probable que se producise un choque frontal cun vehículo que viñese no sentido contrario se tomaba esa curva a esa velocidade e nas condicións nas que se atopaba para conducir, a pesar do cal, seguiu conducindo dese modo, aceptando así que puidese producirse o resultado que ao final se produciu”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.