A Sala de Goberno do TSXG reitera á Xunta a necesidade de implementar as gardas de 24 horas

Incide en que “a necesidade do servizo, en canto ao número de xulgados e número de asuntos, xa foi considerada polo CXPX de forma favorable”. O alto tribunal destaca que a implantación da medida, cuxo obxectivo asegura que é “dotar á cidadanía dun mellor servizo público”, depende de que a Administración galega achegue dotación económica

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou na súa reunión de hoxe reiterar á Xunta que, “o máis axiña posible”, destine o orzamento necesario para a implementación do servizo de gardas de 24 horas nos partidos xudiciais da Coruña e Vigo. O alto tribunal galego destacou que a finalidade da iniciativa é “dotar á cidadanía dun mellor servizo público”. Ademais, lembrou que o Ministerio de Xustiza xa incluíu nos seus orzamentos deste ano a partida necesaria para levar a cabo a medida, que só está pendente da dotación económica da Xunta. 

Desta forma, reiterou o seu apoio á proposta dos xuíces e xuízas de instrución da Coruña e Vigo, os cales nas xuntas sectoriais que mantiveron esta semana incidiron na súa petición. A Sala de Goberno xa informara en xuño de 2019 de forma favorable á posta en marcha deste sistema de quendas e, en abril e setembro de 2021, así como en febreiro deste ano, volveu demandar a habilitación das partidas orzamentarias necesarias para implementar as gardas de 24 horas. 

O alto tribunal galego, por tanto, volveu a solicitar hoxe que se execute o acordo da Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) adoptado o 8 de abril de 2021, que foi favorable á posta en marcha das novas quendas na Coruña e Vigo. A Sala de Goberno incidiu en que “a necesidade do servizo, en canto ao número de xulgados e número de asuntos, xa foi considerada polo CXPX de forma favorable”. 

Os membros da carreira xudicial, tras as reunións celebradas esta semana, subliñaron que a implementación do sistema é “imprescindible para garantir un servizo público moderno, áxil e eficaz”, á vez que indicaron que a súa necesidade tamén está xustificada por “a tendencia á alza dos índices de criminalidade e a necesidade de atender ás peculiaridades dos delitos relacionados coa violencia de xénero”. Ademais, lembraron que a iniciativa conta co apoio do persoal funcionario e forense, así como de avogacía e procura.