A Audiencia da Coruña considera ilexítima a intromisión no dereito á honra dunha muller á que un banco incluíu en ficheiros de morosos

A Sala descarta a concorrencia do requisito da existencia dunha débeda certa, líquida e esixible

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección cuarta da Audiencia Provincial da Coruña confirmou a declaración de intromisión ilexítima no dereito á honra dunha clienta dun banco debido á súa inclusión en dous ficheiros de morosos, a instancia da entidade financeira, quen deberá indemnizar á demandante con 3.000 euros polos danos morais ocasionados. O tribunal confirmou, desta forma, unha sentenza emitida polo Xulgado de Primeira Instancia número 8 da Coruña e rexeitou o recurso de apelación interposto polo banco.  

A Sala explica na resolución que, cando a débeda foi comunicada ao ficheiro, en decembro de 2020, a demandante xa a cuestionara a través dunha reclamación dirixida ao servizo de atención ao cliente da entidade bancaria, o 21 de setembro de 2020. A resposta, de data 16 de outubro, segundo indican os maxistrados na resolución, non foi satisfactoria para a clienta, polo que en novembro de 2021 exercitou contra o banco unha demanda de nulidade do contrato de préstamo con tarxeta de crédito por usurario ou, subsidiariamente, por conter cláusulas abusivas, cando xa se incorporaran os seus datos aos ficheiros automatizados (xaneiro de 2021), manténdose neles ata maio do 2022, data do requirimento da demandante para que se retirasen os seus datos dos ficheiros, a pesar de que finalmente recaeu sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 11 da Coruña, do 1 de decembro de 2022, que acolleu a petición subsidiaria de declaración de cláusulas abusivas do contrato e condenou ao banco á devolución das cantidades percibidas en concepto de intereses remuneratorios cos seus intereses legais.

“Polo tanto, ao pagar a maior parte da súa débeda, restando 3.317 euros de principal, dun total de 12.202 euros; e obter unha sentenza na que se condenou ao banco á restitución de cantidades ao seu cliente por aplicación de cláusulas abusivas, que supón realizar unha liquidación da débeda por compensación, non pode considerarse que a comunicación dos datos da clienta ao ficheiro de morosos se realizara polo acredor concorrendo o requisito da existencia dunha débeda certa, líquida e esixible, senón xustificadamente controvertida pola agora demandante”, destaca a Audiencia na resolución.

Na sentenza, a Sala destaca diversas resolucións da propia Audiencia Provincial da Coruña nas que xa realizou “algunhas consideracións xerais” sobre a cuestión a debate. Nelas, salienta que, para a inclusión dos datos do debedor en ficheiros relativos ao cumprimento de obrigas diñeirarias, “a débeda debe ser, ademais de vencida e esixible, certa, é dicir, inequívoca, indubidable”. Por tal razón, advirte que “non cabe incluír nestes rexistros datos persoais por razón de débedas incertas, dubidosas, non pacíficas ou sometidas a litixio”. Ademais, o tribunal recala que, polo xeral, vinculou o cumprimento destes requisitos “á inexistencia de controversia sobre a débeda cando se produce a comunicación dos datos ao ficheiro de morosos”. Así, sinala que se o titular dos datos considera razoable e lexitimamente que non debe o que se lle reclama, e así llo fixo saber ao acredor, “a falta de pago non é indicativa da insolvencia do afectado e, polo tanto, o tratamento dos seus datos nun destes ficheiros non é pertinente”. A Audiencia lembra que “tampouco pode utilizarse a inclusión no ficheiro de morosos como unha medida de presión para resolver disputas co cliente sobre a existencia ou contía da débeda”.