O TSXG recoñece o dereito dunha traballadora dunha gardería de Ourense a que a cambien de quenda para poder coidar aos seus pais

Os maxistrados indican que “non se pode concluír” que recoñecerlle a adaptación solicitada “comporte unha especial dificultade organizativa para a empregadora, nin tampouco que exista un obstáculo produtivo”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou que unha traballadora dunha escola infantil dependente do Consorcio Galego de  Servizos de  Igualdade e  Benestar á que lle cambiaron á quenda de tarde ten dereito a que a súa xornada sexa en horario de mañá, de 9 a 16 horas, para poder conciliar e encargarse do coidado dos seus pais. A Sala salienta que, no curso 2021-2022, despois de varios anos nos que desenvolveu a quenda de mañá, se lle estableceu a de tarde, de 13 a 20 horas, o que aseguran que supuxo “unha importante alteración da organización e coordinación que tiña establecida para levar a cabo o coidado do seu pai e da súa nai”, os cales precisan, polo seu estado de saúde, asistencia ou axuda para actividades da vida diaria, segundo consta en informes médicos e dos servizos sociais.  Ademais, o irmán da recorrente ten unha minusvalía do 65 %, polo que non pode participar no coidado.

Os maxistrados indican que “non se pode concluír” que recoñecerlle a adaptación solicitada “comporte unha especial dificultade organizativa para a empregadora, nin tampouco que exista un obstáculo produtivo”, pois a traballadora “xa estivo sen prestar servizos na quenda de tarde durante os últimos cursos”, ten a condición de educadora, e a empresa recoñeceu que existían oito educadoras, e non consta que exista ningún outro traballador/a con medidas de conciliación ou adaptación. Ademais, subliñan que “a única dificultade que explicita é que non houbo ningunha persoa traballadora voluntaria para cambiar a súa quenda”.

“Entendemos que debe ceder a organización do traballo na empregadora fronte á organización da vida familiar da recorrente. E iso, en resumidas contas, por canto non se constataron especiais dificultades organizativas ou produtivas da empregadora demandada para reorganizar o traballo segundo a petición de adaptación da demandante”, sinala a Sala, á vez que recalca que “si se constataron as especiais dificultades que presenta a organización da vida familiar da traballadora, con dúas persoas a cargo que necesitan asistencia e coidado, e sen que consten outros familiares que se poidan facer cargo das mesmas”.

O TSXG tamén impuxo á Administración pública o pago dunha indemnización de 3.000 euros á afectada polos danos e prexuízos derivados da denegación da adaptación de xornada. Contra a sentenza cabe presentar recurso de casación.