O TSXG recoñece a unha vítima de trata con fins de explotación sexual o dereito para cobrar a renda activa de inserción

O Servizo Público de Emprego Estatal denegáralla por non demostrar ser vítima de violencia de xénero

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu o dereito dunha vítima de trata de persoas con fins de explotación sexual a incorporarse ao Programa de Renda Activa de Inserción. Desta forma, do mesmo xeito que a sentenza de primeira instancia, emitida polo Xulgado do Social número 2 de Vigo, aceptou a equiparación da demandante á de vítima de violencia de xénero, para os efectos de acceder á renda activa de inserción, e rexeitou o recurso presentado polo Servizo Público de Emprego Estatal. 

Os maxistrados consideran que, no concepto de violencia de xénero, para os efectos de poder acceder á renda activa de inserción, pódese incluír as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual debido á “interpretación evolutiva dos dereitos humanos”. Así, explican que, tanto o concepto de violencia de xénero como o de trata de seres humanos, “coñeceron, no dereito internacional, e tamén no español, unha importante evolución, e seguen inmersos nela”. 

A sala tamén motiva a súa resolución na aplicación das normas en perspectiva de xénero. Por iso, subliña que “a vítima que careza de ingresos e recursos vai padecer unha situación de vulnerabilidade parangonable á das vítimas de violencia de xénero a mans da parella ou exparella que carezan de ingresos e recursos”.

O alto tribunal galego engade na sentenza que “a ausencia de normas legais ou regulamentarias ou de criterios administrativos para acreditar a situación de violencia de xénero” para os efectos do acceso á renda activa de inserción é “unha mera cuestión burocrática que non pode obstar para a recta aplicación do Dereito cando (como é o caso) a demandante está identificada como vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual pola Unidade Central de Redes de Inmigración Ilegal e Falsidades Documentais da Policía Nacional”. 

“Non existe ningunha dificultade en concluír que a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, tal como se define nas normas e instrumentos de Nacións Unidas, o Consello de Europa e a Unión Europea, e segundo o interpreta o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, encaixa á perfección nas  definicións de violencia contra as mulleres, violencia de xénero e violencia contra as mulleres por razóns de xénero manexadas nas normas e instrumentos de Nacións Unidas e  do Consello de Europa”, explica o alto tribunal galego na súa decisión, contra a que cabe presentar recurso. Con todo, advirte que “a situación non é a mesma no dereito nacional” debido á definición de violencia de xénero da Lei Orgánica 1/2004, “só se refire á violencia contra as mulleres por razóns de xénero exercida por “quen sexa ou fosen os seus cónxuxes ou de quen estea ou estivesen ligados a elas por relacións similares de afectividade, aínda sen convivencia”. 

O tribunal indica que, “coa finalidade de superar este limitado concepto interno de violencia de xénero”, os grupos parlamentarios asinantes do Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero (BOCG de 8/8/2017) sinalan “a necesidade de declarar que son tamén formas de violencia contra as mulleres as contempladas no Convenio de Istambul”. Ademais, engade que a recente Lei orgánica 10/2022, do 16 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, considera violencias sexuais, “ademais dos delitos previstos no título VIII, do libro II do Código penal, a mutilación xenital feminina, o matrimonio forzado, o acoso con connotación sexual e (no que aquí nos interesa) a trata con fins de explotación sexual”. 

Os maxistrados destacan que existe “unha conciencia tendente á ampliación do concepto nacional de violencia de xénero ata equiparala aos estándares internacionais que, con especial intensidade, se proxecta sobre as vítimas de trata de persoas con fins de explotación sexual”. Así, fan referencia como “un exemplo máis” desta ampliación á Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que, en virtude de reforma acometida na Lei 12/2016, do 22 de xullo, expresamente inclúe dentro do seu ámbito protector como unha forma de violencia de xénero a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual”. 

Ademais, afirman que, neste caso, é “oportuno lembrar” que as vítimas de trata de seres humanos están equiparadas a vítimas de violencia de xénero na regulación da Lei 19/2021, do 20 de decembro, pola que se establece o ingreso mínimo vital.