O TSXG confirma a sentenza que condena a Ryanair a readmitir a unha azafata despedida en Santiago na folga de 2022

A empresa deberá abonar unha indemnización á demandante de 7.501 euros polos danos e prexuízos causados

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza do Xulgado do Social número 2 de Santiago na que condenou a Ryanair a readmitir a unha tripulante de cabina no aeroporto de Santiago despedida na folga de 2022, xa que considera que a empresa vulnerou ese dereito constitucional. Desta forma, o alto tribunal galego ratificou o fallo que declarou nulo o despedimento e que lle impuxo á empresa o abono dunha indemnización á demandante de 7.501 euros por danos e prexuízos, así como o pagamento dos salarios desde a data do despedimento -16 de agosto de 2022- ata a da súa efectiva readmisión.

Ryanair argumentaba na súa carta de despedimento que a empregada incumprira os servizos mínimos da folga durante cinco xornadas, en concreto, o 25, 26 e 27 de xullo e o 9 e 10 de agosto. Con todo, tal e como alegou a traballadora, a empresa comunicáballe os servizos mínimos que debía atender, pero, unha vez chegaba o día, asignáballe outros sen antelación. Por iso, a azafata negouse a aceptar os cambios, alegando o seu dereito a folga.

“O que pretende a parte recorrente non é outra cousa que adecuar a apreciación xudicial da proba practicada aos seus intereses particulares, pretendendo así impoñer o seu criterio valorativo da proba sobre o soberano criterio do xulgador, ao que corresponde a apreciación da mesma conforme as regras da sa crítica”, explica o TSXG na sentenza, na que advirte que, de atenderse á revisión proposta por Ryanair, “se substituiría o obxectivo criterio xudicial polo comprensiblemente subxectivo da parte recorrente, correspondendo ao xulgador de instancia o labor, apreciando os elementos de convicción, de declarar os feitos expresamente probados”. A resolución non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación.